Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma Sanitaria mariñá interpreta o relevo na xerencia do Hospital da Costa como un intento de apartar voces críticas coa xerencia de xestión integrada

A Mariña, 19 de febreiro de 2015.- A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña interpretou o anuncio de relevo na xerencia Hospital da Costa como un intento de apartar voces críticas coa xerencia de atención integrada con dirección en Lugo. Para o colectivo a dirección do SERGAS non acaba de entender as particularidades do hospital de Burela que o converten nun hospital con características mais próximas a un xeral que a un comarcal, a isto súmase a visión do xerente provincial Quintáns, que o ve como un centro de gasto que se debe recortar impedindo as melloras que se veñen demandando tanto por profesionais como por colectivos como esta plataforma.

A Plataforma recolle a noticia sobre o relevo de Soriano como xerente do Hospital da Costa como unha medida para acalar voces críticas sobre o estrangulamento tanto en persoal como en servizos do hospital mariñao aplicado sen contemplacións polo sistema de xestión integrada dirixida polo xerente provincial Quintáns que debería presentar a dimisión por ser incapaz de xestionar o modelo de xestión provincial imposto polo SERGAS mais alá do HULA.

Son coñecidas as malas relacións entre o xerente de Burela e o xerente provincial que ve a comarca como un centro de gasto e non como un centro de referencia con características mais propias dun hospital xeral que dun comarcal. A perda de persoal de dirección como a praza de dirección médica, ou o persoal sanitario reducido sen posibilidades de ampliación negadas por Quintáns non son compatíbeis con anuncios sobre a posta en funcionamento de servizos para acalar críticas que funcionan en precario ou non se desenvolven como a Hospitalización a Domicilio. A asfixia á que está sometida a atención primaria coa perda de prazas de persoal sanitario, falta da coordinación prometida coa atención especializada comarcal e o incremento das listas de agarda neste servizo non avalan o modelo de xestión integrada aplicada desde 2013.

Para a Plataforma os problemas existentes derivan da decisión da Xunta de non crear unha área de xestión integrada propia na comarca e nos recortes aplicados polo PP na sanidade pública mentres se seguen drenando fondos públicos para a sanidade privada. Por isto volveron reclamar a derrogación do decreto de xestión integrada provincial e reclaman a creación dunha área de xestión integrada propia. Estiman que a aprobación dun novo plan director e ampliación do hospital ao marxe de ser un anuncio electoral non vai resolver os problemas da Mariña.

Exit mobile version