Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco apoia a manifestación en defensa da nosa lingua o domingo en Compostela

A Asociación Socio-Cultural A Pomba do Arco anima a participar o próximo domingo, 8 de febreiro, na manifestación en defensa da nosa lingua en Santiago de Compostela ás 12.00 horas. Haberá autobuses desde A Mariña. Prezo: 3 euros adulto. Para anotarse hai que chamar aos teléfonos: 982 581 861, 982 140 654 e 605 377 317.

Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística mostran que o castelán é a lingua maioritaria nas persoas por debaixo de 50 anos. 3 de cada 4 rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74’88%) son castelanfalantes. O 63’3% dos mozos e mozas galegas entre os 15 e 29 anos falan en castelán. De 30 a 49 anos predomina tamén o castelán (56’04%). O galego é lingua predominante entre os 50 e 64 anos e máis de 65. Estes datos reflicten un descenso do uso do galego en torno a dez puntos nos últimos dez anos.

O maior descenso de falantes do galego coincide co lustro máis agresivo e lesivo para a normalización da nosa lingua e cunha situación na que o galego, non só non conta cunha oficialidade real, senón que é a propia Xunta quen ataca a oficialidade formal que acadou.

Precisamos o galego para ser e existir. Temos esperanza, ilusión, vontade, compromiso para mantelo vivo , para superar prexuízos, para transmitir amor á nosa lingua, para manifestar orgullo, para dicir, polas fillas dos nosos fillos QUEREMOS GALEGO.

Baixo o lema Polas fillas dos nosos fillos esta manifestación foi convocada pola plataforma Queremos Galego da que forma parte a nosa asociación. Porque queremos que o galego teña futuro e que sexa a lingua dos máis novos e novas é importante acudir a Santiago de Compostela para mostrar compromiso coa lingua que nos une.

Exit mobile version