Site icon Crónica3.com A Mariña

A praia das Catedrais é a terceira mellor de España e a décimo quinta de Europa, segundo os usuarios do portal TripAdvisor

Ribadeo, 18 de febreiro de 2015.- Os usuarios do portal de internet TripAdvisor recoñeceron á praia das Catedrais coma o terceiro mellor areal de España e coma o décimo quinto de Europa. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que este recoñecemento é un orgullo para Ribadeo, para A Mariña e para Galicia, pero solicita que teña moito coidado con todo o que se planifica en Augas Santas (As Catedrais).

O rexedor dixo: “acabamos de coñecer hai pouco tempo que este portal de internet TripAdvisor, que é unha referencia para millóns de persoas en todo o mundo á hora de buscar os lugares para as súas vacacións, ven de recoñecer que a praia das Catedrais está un ano máis en lugares moi destacados de preferencia dos viaxeiros. É a terceira de todo o Estado e a décimo quinta de toda Europa”.

Suárez Barcia subliñou que “é un orgullo para os veciños e as veciñas deste concello, da comarca da Mariña e de Galicia por extensión. Isto supón un motor económico e turístico para todo este concello, para a hostalería, para os hoteis e restaurantes”. En alusión aos premios Travellers’ ChoiceTM Playas 2015 indicou que “isto é unha publicidade impagable si a quixéramos pagar con diferentes campañas privadas como se fai noutras administración. Isto é un pulo moi importante”.

O alcalde ribadense quixo facer unha advertencia esta tarde: “hai que ter moito coidado con todo o que se planifica aquí nas Catedrais e en toda a súa contorna, coma se fan experimentos… os experimentos débense facer con gaseosa. Hai que ter moito coidado como se limita de maneira drástica o acceso ao areal, como facemos para conservar o medio ambiente, a natureza, pero ao mesmo tempo queremos que siga a ser unha fonte de atracción turística e económica de primeiro nivel”.

Fernando Suárez anunciou que “nos vindeiros días no Concello licitaremos de maneira pública e aberta a redacción do proxecto de plan especial das Catedrais, contemplado no PXOM, e confiemos en que outros experimentos que están poñendo en marcha outras administracións, coma a Xunta de Galicia, saiban ben o que van facer con estas ideas un tanto peregrinas de limitación brutal, pasar de 0 a 100 en nada, porque esas cousas nunca teñen bo acomodo”.
O rexedor engadiu: “en todo caso o Concello de Ribadeo presentará as alegacións que considere oportunas e esperemos que se cheguen a ter en conta por parte da Xunta”.

Exit mobile version