A xornada comezou cunha visita institucional por parte de alcaldes de concellos da Mariña lucense con veciños no centro. Participaron nesta visita os alcaldes de Ribadeo, O Vicedo, Burela, Barreiros, Cervo, Xove e Viveiro, que puideron charlar cos maiores e compartir cos traballadores do centro un viño galego para celebrar este aniversario.
Pola tarde, a residencia San Bartolomé recibiu ó Bispo de Mondoñedo – Ferrol, Monseñor Sánchez Monge, que visita por primeira vez o centro e oficia unha misa cantada pola Coral Polifónica de Barreiros.
A directora do centro, Ana Nogueira, destaca o balance positivo destes 10 primeiros anos de vida do centro nos que “intentamos mellorar cada día” e nos que conseguiron a certificación da calidade das súas instalacións e servizos.
A xornada aberta permitiu participar ás familias dos maiores ás que a Fundación San Rosendo intenta implicar en todas as actividades que se realizan nos centros. Para iso, serviuse unha merenda especial pola tarde amenizada con música e baile.
20 anos ó coidado dos maiores
A residencia San Bartolomé de Xove é un centro dirixido a maiores válidos e asistidos. Creado en 2004, conta con 126 prazas no centro, 14 apartamentos tutelados e 50 traballadores.
Este centro é un dos 68 centros asistenciais que a Fundación San Rosendo xestiona en toda Galicia e que suman ao redor de 3.600 prazas. A Fundación, que conta con máis de 1.500 traballadores, foi a primeira institución en Galicia en certificar a calidade dos seus centros mediante o recoñecemento europeo ISO 9001:2000.