Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará esta noite á costa lucense

Santiago, 13 de febreiro de 2015.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral noroeste da provincia da Coruña e á zona da Mariña de Lugo a partir da madrugada deste venres.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), ás primeiras horas desta madrugada iniciarase un fenómeno meteorolóxico adverso por mar combinada do nordeste con ondas de ata 5 metros de altura. Esta previsto que esta situación se manteña durante toda a noite e remita contra o mediodía deste sábado 14 de febreiro.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do 112 Galicia, informou da situación aos concellos das zonas afectadas; ás Deputacións; agrupacións de voluntarios de Protección Civil; bombeiros e clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Exit mobile version