Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta pon en marcha axudas a comerciantes, asociacións, praceiros e Concellos

Lugo, 11 de febreiro de 2015.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, convida ós centros comerciais abertos, ás asociacións de comerciantes ou de praceiros e ós propios concellos a solicitar algunha das axudas contempladas nos programas que, co obxectivo de impulsar as zonas comerciais, mercados, prazas de abastos, espazos de comercio non sedentario e centros comerciais abertos, ten en marcha a Xunta de Galicia.

A Xunta “é consciente da importancia da actividade comercial como motor de desenvolvemento económico e do seu papel dinamizador de cidades e pobos”, salientou Arias, razón pola que leva desenvolvido moitas e diversas actuacións encamiñadas precisamente a promover a actividade comercial nas nosas vilas e cidades.

Raquel Arias lembrou que durante o pasado ano diferentes colectivos e asociacións de comerciantes desenvolveron na Mariña unha trintena de accións grazas ás achegas concedidas pola Xunta e que, en conxunto, roldaron os 90.000 euros de investimento.

As iniciativas efectuadas tiveron os máis diversos fines, dende a dinamización comercial, a fidelización dos clientes, pasando pola sinalización exterior e a mellora da competitividade.

Segundo explicou a delegada territorial, a Consellería de Economía e Industria, ven de habilitar unha partida orzamentaria de 2,2 millóns de euros para a dinamización dos centros comerciais abertos e das asociacións de praceiros. As axudas, cuxo importe máximo ascende a algo más de 40.000 euros e terán que estar solicitadas antes do vindeiro venres, día 13, están encamiñadas á dinamización comercial, a implantación de sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outras actuacións.

Axudas a concellos
A Consellería tamén adica preto de tres millóns de euros para que os concellos poidan mellorar as prazas e mercados municipais; terán ata o vindeiro día 23 de prazo para solicitar as axudas.

As actuacións susceptibles de ser obxecto de subvención, por un importe tope de 150.000 euros, abarcan dende reparación, modernización e remodelación das instalacións, supresión de barreiras arquitectónicas ata mellora do consumo de recursos enerxéticos, redución de residuos ou mellora da calidade e da imaxe comercial. Os concellos que os desenvolvan deberán poñer en marcha tamén iniciativas dirixidas ao mentoring comercial aos praceiros. Estas actividades de formación e asesoramento, que se apoiarán cunha axuda máxima de 1.800 euros, ten como obxectivo aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente.

As actuacións que teñan como finalidade a dinamización e rexeneración das prazas para atraer novos consumidores recibirán axudas de ata 3.000 euros mentres que para aqueles proxectos de actuación que pretendan peonizar o semipeonizar rúas ou zonas contiguas ás prazas de abastos a axuda pode chegar ós 80.000 euros, e a mellora de espazos destinados aos mercados tradicionais de apertura periódica ou ambulante poden recibir ata 30.000 euros.

Por último, a delegada informou de que hoxe mesmo está previsto que se publique no DOG unha nova convocatoria para impulsar a modernización e a innovación dos comercios dotada con 2,5 millóns de euros; e que igualmente, haberá apoios para o relevo xeracional.

Exit mobile version