Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberta a solicitude do plan de axudas de 2,2 millóns de euros en impulso do rural e do sector primario

A Deputación abriu este luns e ata o 9 de marzo, incluído, o prazo de solicitude das axudas do plan de 2,2 millóns de euros en impulso do rural e do sector primario. En resposta ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos da Deputación, o plan inclúe 7 liñas de subvencións: recuperación de terras abandonas; peche de viñedos; reactivación da flota de baixura; produción de horta; dotación e mellora de traídas de auga; melloras e equipamento de centros sociais; e arranxo de camiños ou outros servizos de uso comunitario. Toda a información (bases ou modelos de solicitude) están publicadas en www.deputacionlugo.gal.

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos Ramos, destacou este luns que “son axudas para os veciños dos 67 Concellos da provincia, cuxos obxectivos son mellorar a calidade de vida da xente que vive no rural; apoiar económicamente actividades estratéxicos na provincia, como a agricultura, gandeiría, viticultura ou a pesca de baixura; contribuír á recuperación de poboación; crear emprego e aforrar custes aos Concellos”. Santos remarcou que “co fin de garantir que estas axudas sexan para quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo e na pesca, dous dos requisitos para recibilas son: xustificar, achegando a declaración da renda, que os solicitantes dependen económicamente dos ingresos das actividades; e garantir que manterán en produción ou funcionamento os bens para os que se lles concede a subvención por un período de 5 anos”.

7 liñas de axudas
1.- Recuperación de terras abandonadas: A Deputación convoca por segundo ano estas axudas, que poden solicitar gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie, ben en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón. Recuperarán as terras baldías con actividades agrícolas ou gandeiras. As plantacións forestais non están subvencionadas. A axuda por hectárea é de 500 euros, podendo recibir cada beneficiario ata 9.000 euros.

2.- Produción de horta: Esta liña ten como obxectivo favorecer a diversificación dos ingresos agrarios potenciando os cultivos de horta. Daranse axudas, dun máximo de 6.000 euros por beneficiario, para a instalación de novos invernadoiros; reparación e mellora dos xa existentes; e dotación de sistemas de rego e outros equipamentos. Para recibir subvención, os invernadoiros deben ter un mínimo de 300 metros cadrados de superficie, ben en propiedade, aluguer, cesión ou doazón. Poden solicitala produtores a título individual, SATs ou persoas xurídicas coa titularidade das explotacións.

3.- Viñedos: O obxectivo é aumentar a rendibilidade das viñas con axudas para labores de mantemento e protección das mesmas fronte a estragos de animais silvestres. Deste xeito, subvencionarase a reconstrución e traballos de conservación de muros de pedra; substitución de muros de sostemento de terra por outros de pedra; e peches perimetrais fixos. Igual que nas axudas á horticultura, a superficie mínima é de 300 metros cadrados, en réxime de propiedade, aluguer, cesión e doazón. As viñas obxecto de mellora deben contar cos correspondentes dereitos de produción e estar inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia. A axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros e poden solicitalas produtores a título individual, SATs ou persoas xurídicas coa titularidade das explotacións.

4.- Pesca de baixura: Son axudas dun máximo de 3.000 euros por beneficiario destinadas á mellora das preto de 100 embarcacións dedicadas á pesca de baixura con base en calquera dos 8 portos da Mariña: Celeiro, Viveiro, O Vicedo, San Cibrao, Foz, Ribadeo e Rinlo. Teñen que estar inscritos no Rexistro de Buques Pesqueiro de Galicia, como embarcacións que empreguen artes menores para faenar en caladeiros nacionais. Daranse axudas para melloras de tipo tecnolóxico (equipamentos de radio, ecosondas…); para aumento da seguridade dos tripulantes; para aparellos, útiles e materiais complementarios destinados a mellorar a rendibilidade da embarcación; e para elementos de almacenaxe e transporte de a bordo que melloren a seguridade alimentaria e calidade dos produtos do mar. Para determinar a contía a percibir, teranse en conta criterios como o número de empregados que xere o propietario ou os anos do barco.

5.- Traídas de auga: Trátase dun servizo municipal básico moi custoso e que moitos concellos non teñen capacidade económica para garantilo. Por iso, a Deputación abre por segundo ano unha liña específica de subvencións, que serán dun máximo de 30.000 euros para instalar unha nova rede de abastecemento, e de ata 10.000 euros, no caso de proxectos de mellora das infraestruturas existentes. Poden solicitalas comunidades de usuarios, asociacións de veciños e entidades veciñais sen ánimo de lucro e comunidades de montes. Nos criterios de valoración terase en conta a porcentaxe de usuarios que se dediquen á actividade agropecuaria en relación ao número de habitantes do Concello co fin de garantir a proporcionalidade e que os veciños de concellos pequenos teñan as mesmas oportunidades de beneficiarse que os dos grandes.

6.- Centros sociais: Foi unha das cuestións máis demandadas polos veciños nos Orzamentos Participativos, polo que, para darlles cumprida resposta, a Deputación convoca unha liña de subvencións dun máximo de 12.000 euros para obras de mellora das edificacións (tellados, fachadas, instalación eléctrica e de fontanería, iluminación, albanelería…) e de ata 3.000 euros para equipamentos (equipos informáticos e audiovisuais…) Entre os criterios de valoración terase en conta a distancia do centro social á capitalidade do municipio co fin de facilitar servizos ás aldeas máis illadas do núcleo urbano.

7.- Arranxo e sinalización de vías e camiños públicos, e outros servizos de uso comunitario, como fontes, bebedoiros para o gando, depósitos contra incendios, sistemas de regadío e acondicionamento de espazos públicos para aparcadoiros ou celebración de eventos. Esta tamén foi unha das propostas xeneralizadas nos Orzamentos Participativos. Concederase un máximo de 12.000 euros por beneficiario. Tanto estas axudas, como as da liña anterior, destinadas a centros sociais, poden solicitalas asociacións de veciños, culturais e deportivas, entidades veciñais sen ánimo de lucro, comunidades de montes, agrupacións de gandeiros e agricultores e colectivos de usuarios.

Exit mobile version