Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA Ribadeo celebrará a gala deste 2015 o 12 de abril

asemblea-acisaRibadeo, 10 de febreiro de 2015. A Gala de Acisa de 2015 celebrarase o próximo 12 de abril. No acto entregaranse os premios ó hostaleiro, ó comerciante, ó ribadense, á asociación e ó socio do ano, segundo se deu a coñecer e se aprobou na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada na noite deste luns. Na mesma aprobouse o orzamento de ingresos e gastos que para este ano ascende a 115.000 euros.

Acisa realizará ólongo dos próximos meses as campañas que xa funcionaron en edicións anteriores e outras novidosas como os Cantos de Sempre polos bares e mesóns da localidade, nunha data que está por determinar. Haberá neste 2015 a Noite Flúor/Ribadeo aberto, o Mercado de Rúa, o Tapeo de Comunidades Autónomas, o Black Friday ademais das tradicionais campañas de rebaixas, San Valentín, o día da nai, o día do pai, etc”.

Entre os proxectos que están en marcha na Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos figuran mellorar a súa web e a presenza nas redes sociais, ademais dunha campaña de fidelización “que xa se atopa nunha fase bastante avanzada, e que queremos ter en marcha de face ao próximo verán. A mesma será beneficiosa para a clientela, pero tamén para os nosos negocios porque lles permitirá coñecer máis de cerca o perfil de clientes cos que contan ou os produtos que teñen máis demanda. Ademais os clientes poderán beneficiarse de diferentes descontos e promocións”, explicou Roberto Ramos, o presidente de Acisa.

A asociación organizará unha feira de stocks este ano, unha masterclass de escaparatismo e moda “destinada a profesionalizar ó noso comercio para ofrecer o mellor de si en cada momento”, unha feira de tendas Pop Up e unha bolsa de emprego “para que os asociados indiquen as necesidades de persoal que poden ter e para que quen estea buscando emprego no comercio ou na hostalería poida facernos chegar os seus currículos para logo intercambiar esa información: oferta e demanda”.

Na Asemblea Xeral Ordinaria a directiva deu conta do convenio asinado co Concello para o período 2014-2016 que ascende a 39.000 euros e tamén das ampliacións de horarios para hostalería que solicitou Acisa para este ano e que a Xunta aprobou.

Plan de Conservación para As Catedrais
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo está estudando o plan de conservación para As Catedrais, elaborado pola Xunta: “estámolo vendo de forma pormenorizada para ver se presentaremos alegacións. Consideramos que somos parte afectada e se non se nos ten en conta alegaremos”.

Exit mobile version