Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga demanda que se defenda a universidade pública e amosa o seu apoio ós estudantes que se manifestaron esta semana

veiga-xuntagobernoLugo, 27 de febreiro de 2015. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, aproveitou a rolda de prensa posterior á xunta de goberno para recordar o fin dos prazos para solicitar as subvencións das áreas de Cultura e Deporte que están activas e amosar o seu apoio aos estudantes que se manifestaron esta semana en defensa da educación pública.

Deste xeito, Veiga recordou que “o día 7 de marzo remata a convocatoria de axudas para actividades e eventos culturais de asociacións deste eido. Destinaranse 400.000 euros para asociacións e 140.000 para concellos. Mentres, o 9 de marzo remata a convocatoria de axudas para deportes, cun total de 500.000 euros para clubs e asociacións deportivas e 150.000 para concellos. Polo tanto, repartiranse máis dun millón de euros entre o tecido asociativo da provincia de Lugo”, salientou o vicepresidente provincial.

Así mesmo, lembrou que “a finais de marzo finaliza o prazo para anotarse no programa ‘Musiqueando pola provincia de Lugo’, ao que se destinan 85.000 euros e onde as asociacións ou comisións de festas que se inscriban poderán solicitar un grupo de música tradicional, unha banda ou unha coral para os festexos que organicen”, apuntou Veiga.

Finalmente, o vicepresidente provincial rematou a súa intervención “manifestando o noso apoio aos estudantes que están defendendo unha universidade pública e que estes días pasados estiveron manifestándose e de folga”, sinalou. Veiga criticou que, “unha vez máis, o Partido Popular segue no seu camiño de recortar en educación e privatizar a universidade. O acceso público e universal á universidade, que era un factor de igualación social, estao cargando o PP pola vía dos feitos. Primeiro empezou subindo as taxas e agora quere que a universidade pública só sexa cuberta tres anos e os outros dous que o seu custo o teñan que pagar os propios alumnos e as súas familias a través de masters, tendendo a un modelo que nada ten que ver co noso, o da universidade americana ou privada”, lamentou.

Exit mobile version