Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro: “A mellor política social do Goberno do PP foi evitar o rescate”

populares-lugoO portavoz do Grupo Parlamentario Popular e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, afirmou este venres, durante unha roda de prensa para valorar o Debate sobre o Estado da Nación, que “a mellor política social do Goberno de Mariano Rajoy foi evitar o rescate”, malia que houbo que batallar contra quen querían que España o pedise.

Acompañado por senadores e deputados nacionais lucenses, Barreiro asegurou que “o PSOE non pode dar leccións logo de deixar o país sumido nunha grave crise económica” e acusou aos socialistas de “non recoñecer os logros conseguidos polo Executivo e que son valorados positivamente por todos os organismos internacionais”.

Durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación, o portavoz dos populares no Senado destacou todas as medidas de carácter social anunciadas polo presidente do Goberno durante o Debate sobre o Estado da Nación, “medidas sociais encamiñadas, fundamentalmente, a seguir creando emprego, que é a mellor política social que un Goberno pode facer de face aos españois que peor o están pasando nesta crise”.

CREACIÓN DE EMPREGO
Así, resaltou o compromiso do Goberno polo emprego, cunha previsión para este ano de 500.000 novos postos de traballo e 3 millóns de empregos netos para a próxima Lexislatura. Tamén recordou que durante o ano 2014, logo de seis anos destruíndo emprego, creáronse 440.000 empregos.

Segundo o dirixente popular, tanto os datos de emprego como a revisión ao alza en catro décimas, ata o 2,4%, da nosa economía, “demostran que imos polo bo camiño, que as reformas estruturais aplicadas polo Goberno do PP foron as acertadas e que imos seguir sendo o país que máis crece da Unión Europea”.

Na súa opinión, “grazas ao esforzo e o sacrificio de todos os españois, España está saíndo do pesadelo”, goza de prestixio internacional e ve como crece o consumo e o investimento.

TARIFA REDUCIDA PARA CONTRATOS INDEFINIDOS
Para favorecer a creación de emprego estable e de calidade, Barreiro recordou que o Goberno do PP poñerá en marcha, tal e como anuncio Rajoy no Debate do Estado da Nación, a tarifa reducida para os novos contratos indefinidos, coa que os primeiros 500 euros de salario estarán exentos de cotizar á Seguridade Social.

Outras medidas que favorecerán a creación de emprego son a reforma do sistema de formación profesional e a bonificación aos autónomos. Así, a partir de agora e durante un ano, bonificarase o 100% da cotización á Seguridade Social por continxencias comúns dos traballadores autónomos que necesiten reducir a súa xornada laboral, por coidado de fillos menores de 7 anos ou de persoas maiores en situación de dependencia.

Esta bonificación vai dirixida aos autónomos que contraten un traballador que lle permita o mantemento da súa actividade. “Con esta medida -sinalou Barreiro- o Goberno pretende seguir aproximando os dereitos dos autónomos aos traballadores por conta allea”.

Outra aposta para axudar ás familias, autónomos e PEMES, é a aprobación dun decreto lei de “segunda oportunidade”, mecanismo que permitirá a estes colectivos reestruturar as súas débedas mediante un acordo extraxudicial de pagos; e cando estes acordos non sexan posibles, se habilitará na Lei Concursal que as persoas poidan liberar as débedas que queden impagadas tras executar as garantías e os seus bens.

APOIO Á FAMILIA
José Manuel Barreiro tamén se referiu ao paquete de iniciativas anunciadas por Mariano Rajoy dirixidas ás familias. En concreto, resaltou o “cheque familiar” de 1.200 euros ao ano para as familias monoparentais con dous fillos, medida enfocada especialmente ás mulleres”.

Esta axuda de 1.200 euros beneficiará a preto de 187.000 familias e demostra- subliñou o portavoz do PP- que o Goberno está devolvendo aos españois o esforzo e sacrificio que tivo que esixir ao comezo de Lexislatura, ante a situación de creba económica que deixo Rodríguez Zapatero”.

AXUDA A CC.AA E CONCELLOS
Durante a roda de prensa, José Manuel Barreiro tamén resaltou os mecanismos que puxo do Goberno do PP durante estes últimos 3 anos para axudar ás Comunidades Autónomas e ás Corporacións Locais, como o Fondo de Liquidez Autonómica ou o Plan de Pago a Provedores.

Ademais, para o presente ano o Executivo está poñendo a disposición de CC.AA. e Concellos novos instrumentos de financiamento e liquidez para garantir a prestación de servizos básicos por un importe de 39.869 millóns de euros.

Para rematar, o presidente dos populares lucenses e portavoz do PP no Senado quixo facer mención ao anuncio de que se reformará o Código de Boas Prácticas Bancarias, que afectará principalmente á chamada “cláusula suelo”, suprimiranse as taxas xudiciais para particulares e crearase a Oficina de Xestión e recuperación de Activos derivados do delito.

Pola súa banda, o deputado nacional, Joaquín García Díez salientou que despois do importante esforzo realizado por todos e os resultados dos últimos meses, non podemos xogar con riscos e aventuras no momento da consolidación.

Neste sentido, o popular manifestou que as ambiciosas propostas de resolución aprobadas no Debate de Estado da Nación constitúen a verdadeira folla de ruta de aquí ao final da lexislatura e unha garantía para afianzar o crecemento.

“Son propostas realistas e transversais, que aspiran a recuperar tres millóns de empregos, que van desde o impulso ás infraestructuras, o fortalecemento do sector agroalimentario, á creación dun cheque de formación para que os desempregados elixan con liberdade a entidade na que van recibir un curso de formación, pasando por medidas que perseguen a exención de taxas en todas as instancias xudiciais, ou completar a reforma da Administración electrónica”- explicou.

García Díez insistiu en que son propostas que demostran “o noso compromiso social, por iso impulsan un plan integral de apoio á familia, mellóranse as condicións de conciliación da vida familiar e laboral dos autónomos, ou a loita contra a discriminación salarial entre homes e mulleres, e impúlsese a lei de segunda oportunidade que permita reiniciar as súas vidas aos que teñan dificultades en pagar as súas débedas”.

O popular concluíu manifestando que queda moito camiño por percorrer pero con este goberno o despilfarro acabouse, e agora toca manter o rumbo na acción do goberno.

Exit mobile version