Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as obras de mellora do acceso a Vilaronte dende a estrada de Ferreira do Valadouro

Foz, 26 de febreiro de 2015. As obras de mellora do acceso a Vilaronte dende a estrada que vai a Ferreira do Valadouro empezaron hoxe. Con este motivo o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, visitou o lugar onde se realizan os traballos acompañado polo presidente da asociación de veciños da parroquia, Ramón González Pérez.

O rexedor municipal explicou que esta obra, que executa a Xunta de Galicia, “é moi interesante, era demandada polos veciños de Vilaronte e polo Concello, que foi o que tramitou coa delegada territorial e co responsable de estradas da Xunta en Lugo a mellora deste acceso a Vilaronte, que é moi usado polos veciños desta parroquia. É un vial que comunica co cemiterio, coa igrexa e co centro cívico do Castro, que son lugares con moita actividade”.

Javier Castiñeira engadiu que a parroquia de Vilaronte “é unha das máis importantes do concello por poboación e esta obra faise para mellorar a seguridade desa entrada, que discorría por unha parte residual da antiga estrada, cun trazado sinuoso e cunhas cunetas bastante pronunciadas. A mellora é substancial, porque se amplía moitísimo a zona da entrada e do cruce, mellórase moito a visibilidade, cámbianse as cunetas e as augas, etcétera”.

O alcalde estima que a obra estará rematada “dentro de dúas ou tres semanas” e recorda que desta maneira “aténdese unha petición que fixera con moita intensidade a asociación de veciños por medio do seu presidente, Ramón González, que hoxe me acompañou. Estamos contentos porque un compromiso máis que tíñamos cos veciños de Vilaronte estará cumprido en poucas semanas”.

Castiñeira rematou agradecendo “á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e á delegada territorial, Raquel Arias, por estimar esta solicitude do grupo de goberno de Foz e da asociación de veciños de Vilaronte”.

Exit mobile version