Site icon Crónica3.com A Mariña

Complicada visita dos laranxas á pista do Magna Navarra

partido-burelafsA 21ª xornada de Primeira División LNFS conducirá ao Burela FS Pescados Rubén á sempre complicada pista do Magna Navarra. O duelo directo entre a oitava praza dos anfitrións (30 puntos) e a novena dos laranxas (26 puntos) decidirase mañá no pavillón Anaitasuna de Pamplona a partir das 20.30 horas.

Os de Juanlu chegan a este compromiso tras o valioso empate ante Palma Futsal (1-1) en Vista Alegre fronte ás tres derrotas que encadean os navarros, logo de medirse a Montesinos Jumilla (6-4) e aos grandes, Inter Movistar (0-9) e Barcelona (6-2). Para o técnico burelista os últimos resultados do rival non son indicativos da realidade que está atravesando: “Coincidíronnos calendarios similares; o Magna tamén tivo un tramo inicial de partidos moi duros”. E ambas as escuadras tamén gardan parecidos internamente: “Somos dous equipos de estrutura similar, con vestiario curto, xogadores con experiencia pero tamén con moitos xogadores novos con minutos. Ambos apostamos por unha defensa agresiva e presionante dándolle prioridade ao contraataque. O que se poña por diante poderá impoñer o seu xogo e levar o partido” analizaba o técnico mariñán.

O Burela FS finalizou este xoves a preparación para a cita de Anaitasuna sen contratempos. A única ausencia na expedición que chegará esta tarde a Pamplona, sobre as 20.00 horas, será Isi, que continúa co seu proceso de recuperación tras a rotura de fibras sufrida fronte a Levante. Nas filas locais, volve Jesulito, tras cumprir un partido de sanción, xogador que para Juanlu é “o motor do rival xunto a Eseverri”; Murga será dúbida por problemas físicos.

Na primeira volta, o encontro quedou en táboas (4-4), con remontada navarra.

Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 3. Bellvert, 5. Iago Míguez, 9. Behroz, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 14. Miguel, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 29. Ángel, 30. Hélder

Exit mobile version