Site icon Crónica3.com A Mariña

Economía e Industria achega ós comerciantes e artesáns lugueses apoios para innovar nos seus negocios

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, achegou este venres aos comerciantes e artesáns lucenses a nova convocatoria de axudas para impulsar a calidade e a innovación no sector comercial e artesán galego, dotado con 2,5 millóns de euros e á que se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 11 de marzo.

Nunha xornada na que participou tamén o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, Vázquez Abeal salientou que a través desta convocatoria que forma parte do programa de renovación do tecido comercial galego os comercios e as empresas artesás poden obter axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, avanzando así na incorporación do smart commerce, baseado na interrelación co cliente.

Isto permite, tal e como explicou a directora xeral de Comercio, complementar a súa experiencia de compra presencial cos diferentes canais comerciais. Tamén se apoia a posta en marcha de novas ferramentas de xestión e melloras na presentación dos produtos, e como novidade este ano, inclúense axudas para actuacións de mellora da imaxe exterior e o acondicionamento dos establecementos comerciais.

O encontro contou coa participación dos artesáns de Outeiro de Rei Xaneco e Idoia Cuesta, así como a comerciante luguesa Pilar Ónega. Os tres explicaron as súas experiencias apostando pola mellora continua dos seus negocios, a venda on line e o contacto cos seus clientes a través das redes sociais.

A cesteira contemporánea Idoia Cuesta é finalista na categoría de Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía. Esta profesional, que realiza pezas contemporáneas utilizando técnicas de cestería tradicional e innovando en formas e materiais, ten traballado con deseñadores de diferentes ámbitos, como coa firma Loewe, no desenvolvemento da colección Galicia.

O luthier Xoan Manuel Tubío, Xaneco, desenvolve a súa actividade profesional desde hai 20 anos, sempre evolucionando e incorporando novas técnicas e materiais, ao tempo que desenvolve unha constante labor de estudo e investigación dos instrumentos antigos.

Pola súa banda, Pilar Ónega, conta cun establecemento na Ronda da Muralla, Personas WIP, especializado na comercialización e distribución de produtos educativos, terapéuticos e adaptados para persoas de todas as idades con circunstancias especiais, e ofrece os seus produtos a través de dúas tendas online: www.personaswip.com e www.losjuguetesdelcole.com.

Axudas de ata 11.500 euros
Na convocatoria que se presentou este venres en Lugo, e na que as empresas da provincia contarán con valoracion adicional, ademais das axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, tamén se concederán apoios para a implantación de ferramentas que melloren a xestión do negocio e o deseño dos produtos que non fosen utilizadas con anterioridade; e para o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado. Para estes tipos de iniciativas tanto comerciantes como obradoiros artesanais poden sumar axudas de ata 11.500 euros.

Ademais, como novidade este ano os comerciantes poden obter apoios de ata 6.000 euros para o acondicionamento do local comercial, e para medidas orientadas á mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.

Dentro desta orde, no marco do impulso ao asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector, con diferentes programas de apoio ao longo do ano, as federacións de comerciantes poderán optar a apoios de ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles.

Impulso á competitividade do sector artesán
Nesta mesma convocatoria, apoiarase con ata 63.000 euros ás asociacións profesionais de artesáns no desenvolvemento de sistemas de etiquetado intelixente, que acheguen información sobre os produtos e o seu proceso de elaboración. Estas entidades tamén poderán desenvolver con ata 56.000 euros de axuda proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.

Tal e como lembrou Vázquez Abeal, os apoios ás asociacións e ás empresas artesás enmárcanse no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento.

Con esta nova convocatoria, a Consellería de Economía e Industria leva xa activados nos dous primeiros meses do ano programas de apoio ao sector comercial por 7,6 millóns de euros. Dentro tamén do programa de renovación do tecido comercial, a Consellería ten aberta ata o 31 de agosto a convocatoria de axudas para a transmisión xeracional, dotada con 150.000 euros, co obxectivo de impulsar o emprendemento e a continuidade da calidade do sector en Galicia.

Os transmisores, que deben ter 64 anos ou máis no momento da presentación da solicitude, poderán recibir axudas de 800 euros mensuais ata a idade ordinaria de xubilación, ata un máximo de 12.800 euros, ou un único pago de 800 euros se xa a teñen. Os que retomen a actividade recibirán apoios por 2.000 euros, e formación por parte do comerciante experimentado.

Puxéronse tamén en marcha os programas de apoio aos concellos galegos para o impulso dos mercados, dotado con preto de 3 millóns de euros e cofinanciado con fondos Feder, así como a convocatoria de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, cun orzamento de 2,2 millóns.

Exit mobile version