Este plan de reordenación é unha vella reivindicación dos viveirenses, tal e como o manifestaron na xuntanza participativa no partido xudicial de Viveiro para a elaboración do presuposto 2015 do organismo provincial. O seu obxectivo é desconxestionar a circulación de vehículos e peonalizar o casco histórico, dando continuidade aos traballos iniciados polo anterior Alcalde, Melchor Roel.
“Este proxecto contribuirá a revalorizar o atractivo turístico de Viveiro, pois dá valor engadido a unha contorna de gran sigularidade histórica e facilita o seu acceso a todos os cidadáns, ao eliminar barreiras arquitectónicas”, destacou o Deputado mariñano. As actuacións deste plan comprenden sete zonas diferenciadas:
– A primeira delas correspóndese co cruce de Verxeles, que dá acceso á ITV e á estación de ferrocarril, onde se creará unha rotonda que permita xirar a vehículos pesados.
– Na segunda, o cruce de acceso ao casco histórico dende Verxeles, crearase outra rotonda que permita regular o tráfico e o acceso ao casco histórico.
– Tamén se actuará na zona próxima á Misericodia, reducindo as dimensións da rotonda e as beirarrúas existentes para mellorar a maniobrabilidade dos vehículos e cambiando a ubicación actual do paso de peóns.
– No tramo comprendido entre a Ponte da Misericordia e a rotonda da oficina de turismo, aumentarase a dimensións das beirarrúas, soterraranse contenedores de lixo e crearase unha zona de carga e descarga.
– Nesta mesma zona, tamén se reconfigurará a entrada e saída dos vehículos: a entrada realizarase fronte á praza de abastos e a saída pola rotonda da oficina de turismo, cambiarase a ubicación dos pasos de peóns e instalaranse novos semáforos.
– Na zona da Cruz Roxa, tamén se reubicará o paso de peóns cara a saída da ponte e se mellorará a sinalización horizontal e vertical.
– Finalmente, entre a praza de Lugo e a porta de Carlos V, quedará cun só carril en dirección Celeiro. Deste xeito, o espazo do carril eliminado será empregado para crear prazas de aparcamento para o casco histórico.
Parque ambiental
A semana próxima arrancarán as obras do proxecto do parque ambiental, dotadas de 102.814 euros, financiados nun 80% por fondos europeo do Lug02 da Deputación, que tamén estarán listas para a Semana Santa. Consisten, por un lado, na eliminación da zona infantil existente ao fondo do paseo marítimo, a escasos metros da Avenida de Ferrol que rexistra moito tráfico, e no acondicionamento deste espazo verde. Ademais, inclúe a instalación dunha nova dotación noutra zona do paseo marítimo máis céntrica e próxima ao casco histórico, polo tanto, máis segura; de maiores dimensións, con novos aparellos para nenos, cun rocódromo, 400 metros de caucho continuo e carteles informativos sobre a riqueza medioambiental da zona.
Avenida de Cervantes a Praza Juan Donapetry
Tras a Semana Santa, iniciaranse as obras de mellora do pavimento e dotación de servizos no treito comprendido entre a Avenida de Cervantes e a Praza Juan Donapetry, financiadas con 470.000 euros da Deputación. Consistirán na reposición integral do firme da estrada LU-P-6605 e das zonas peonís da súa contorna con pedra granítica; mellora da rede de saneamento; restitución do alumeado público (situaranse iluminarias ao longo do vial, que serán tipo lead para un menor consumo); canalización dos servizos para o suministro eléctrico e de telefonía (pasarán a estar soterrados, mellorando a imaxe visual); dotación de mobiliario urbano (bancos, papeleras, xardineiras…) e zonas verdes para humanizar a zona; e soterramento dos colectores de lixo. Unha vez finalizadas estas actuacións, levarase a cabo a modificación do sentido de circulación dos vehículos. A rúa terá sentido único de circulación cara arriba, co que se pretende minorar o tráfico rodado e evitar retencións.
Preto de 800.000 euros
Con estes 3 plans –reordenación do tráfico, parque ambiental e melloras entre a Avenida de Cervantes e Praza Juan Donapetry-, a Deputación inviste preto de 800.000 euros na transformación de Viveiro e posta en valor do seu casco histórico.