Site icon Crónica3.com A Mariña

Entroido larpeiro

A orixe do entroido pérdese no tempo. Houbo épocas nas que nengunha aldea deixaba de vivir as súas entroidadas, sinxelas e liberadoras. Festas colectivas e populares, nas que todos tomaban parte. Na Galicia dos antergos o entroido sinalaba o fin do inverno, a chegada das sementeiras, e o comezo da coresma..A afección á mesa abondosa e ás libacións xenerosas son compoñente que nos define. O noso país sufríu fames históricas, ó punto que estudosos – como o doutor García Sabell, médico e antropólogo eminente – chegaron a afirmar que a obsesión pola comida non é porque abunde, senon porque nona houbo; tese que compartía o noso amigo o xornalista e gastrónomo Jorge Víctor Sueiro, que via nas fames galegas, a inclinación ás grandes comidas e cuchipandas, reacción contra a penuria sufrida, temendo que no futuro non estarían o bastante alimentados… C.Martínez Barbeito no libro Galicia, sen negar a verdade tópica, que nos define só por melancólicos e soñadores, asegura que “o galego, cando se tercia, é espléndido e báquico, gran comedor, gran bebedor e gran fornicador; e dono da plenitude da vida.”. O Carnaval polos nosos pagos vivíu a evolución, ó igual que tódalas manifestacións sociais, culturais e festivas, pero mantén a copiosa degustación do animal que é o rei da cociña, o porco; imperio que comparte cos mariscos e os peixes das nosas costas, sendo número principal do entroido o desfile polo plato do lacón e a “cachucha”; o touciño e a costela; a orella e o rabo; o lacón e os chourizos… co aditamento de garavanzos, grelos e patacas, regado todo por un bó Ribeira Sacra,e que ten o epílogo nuns postres tradicionais e exquisitos: as filloas, orellas de frade, flores do entroido, rosquiñas, follas de limoeiro, chulas… Esquezamos por uns días, lector amigo, os ácidos úricos e colesterois; as hipertensións, glucosas e demais atrancos e comamos e bebamos. A austera coresma está á volta e non vaia ser que os xaxúns e abstinencias que nos esperan nos pillen sen reservas. Xa o dí a vella cantiga : “ Adeus, martes de entroido, / adeus, meu amiguiño / ata Domingo de Pascoa / non comerei mais touciño”….

Suso Fernández

Exit mobile version