Site icon Crónica3.com A Mariña

Francisco Soriano abandona a xerencia do Hospital da Costa sen ter novas sobre o seu relevo

A Mariña, 27 de febreiro de 2015.- A Xunta de Persoal do Hospital da Costa interpreta o anuncio da dimisión do Xerente do centro mariñao como unha fuxida provocada polo ninguneo ao que se veu sometido dende a súa chegada por parte do Xerente da EOXI de Lugo e un intento por parte de Lugo de apartar voces críticas coa xerencia de atención integrada, con dirección en Lugo.

Para o órgano de máxima representación das traballadoras e traballadores, a dirección do SERGAS non acaba de entender as particularidades do hospital de Burela, un hospital xeral que pretenden converter nun comarcal. A isto súmase a visión do xerente provincial Quintáns, que o ve como un centro que xera gasto, que se debe recortar, impedindo as melloras que se veñen demandando tanto por profesionais como por colectivos sociais e pola propia Xunta de Persoal.

A Xunta de Persoal recolle a noticia sobre o abandono de Soriano como o resultado do baleiro continuado ao que se veu sometido polo “mandamais” de Lugo ante a súa voz crítica sobre o estrangulamento en persoal e servizos do hospital mariñao, aplicado sen contemplacións polo sistema de xestión integrada. De feito a non cobertura da figura da Dirección Médica, ausente dende hai máis dun ano, non foi mais que outra manobra da Xerencia de Lugo para asfixiar e liquidar á dirección do Hospital da Costa.

Son coñecidas as malas relacións entre o xerente de Burela e o xerente provincial que ve a comarca como un centro de gasto e non como un centro de referencia, un xerente que debería presentar a súa dimisión por ser incapaz de xestionar, mais alá do HULA , o modelo provincial imposto polo SERGAS.

A perda de persoal de dirección -como o caso da praza de dirección médica-, ou a redución de persoal sanitario sen posibilidades de ampliación, ambas negadas por Quintáns, non son compatíbeis con anuncios sobre a posta en funcionamento de servizos para tentar tapar as críticas. Servizos que, hai que denunciar unha vez máis, funcionan en precario ou non se desenvolven, como acontece coa Hospitalización a Domicilio.

A asfixia á que está sometida a atención primaria coa perda de prazas de persoal sanitario, a falta da coordinación prometida na atención especializada comarcal e o incremento das listas de agarda neste servizo, non avalan o modelo de xestión integrada aplicada desde 2013.

Para a Xunta de Persoal os problemas existentes derivan da decisión da Xunta de non crear unha área de xestión integrada propia na comarca e nos recortes aplicados polo PP na sanidade pública, mentres se seguen drenando fondos públicos para a sanidade privada. Por isto, dende a Xunta de Persoal, volven reclamar a derrogación do decreto de xestión integrada provincial e reclaman a creación dunha área de xestión integrada propia.

Exit mobile version