O rexedor contou que “a mediodía de hoxe mantivemos en Santiago de Compostela unha reunión co conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, na que lle expuxen os detalles da Feira Náutico Pesqueira Expomar que este ano chega á súa 16ª edición”. As datas de celebración serán do 14 ao 17 de maio.
González Barcia apuntou que “o conselleiro amosou interese polo alcance da feira, e nese sentido expuxémoslle a Francisco Conde as características principais dun evento que nace xa hai algo máis de 20 anos, que ten un presuposto próximo aos 200.000 euros e que este ano ten case confirmados todos os expositores e firmas que estiveron presentes na edición do ano 2013”.
No encontro desta mañá Francisco Conde e José Mª González Barcia tamén falaron doutros temas de interese para a vila, como os apoios ao comercio e ao tecido empresarial, así como á eficiencia enerxética: “Démoslle un repaso aos efectos beneficiosos que tiveron sobre a economía municipal, en definitiva sobre a economía de tódolos cidadáns do noso concello, as dúas axudas ás que concorremos para activar medidas de aforro enerxético: unha no ano 2013, xunto cos concellos de Cervo e Xove, e outra no ano 2014, xa con máis concellos”, sinalou o alcalde.
O rexedor apuntou ademais que “evidentemente, xa lle expuxemos a nosa disposición a volver solicitar este ano esa subvención, se hai outro marco de axudas igual ou similar ás que houbo ata agora en aforro enerxético, porque nós non estamos pola labor de gastar cartos en farolas, como fixeron algúns, senón que estamos pola redución de luminarias de gran consumo, que hai agora instaladas en moitos puntos de luz no noso alumeado público, por outras de baixo consumo que permitan a mesma visibilidade e teñan a mesma intensidade lumínica, pero que tamén nos permitan ter un aforro económico importante. Nesa liña de traballo estamos e iso foi o que se lle expuxo ao conselleiro, que entendeu que Burela é o camiño que ten que seguir, despois deses gastos desmesurados feitos polo bipartito en materia de farolas ornamentais sen ningún tipo de aforro enerxético”.