Bruxelas, 25 Febreiro 2015. Dende as 15.00 e ata as 21.00hrs. desta noite está a ter lugar en Bruxelas unha das sesións plenarias mensuais do Parlamento Europeo [ORDE DO DÍA]. Entre os puntos da xornada, cómpre destacar a presentación das decisións adoptadas por parte da Comisión Europea en relación á proposta dun marco estratéxico para a denominada Unión Enerxética[1], intervención realizada a través do seu Vicepresidente, Maroš Šefčovič.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, salientou na súa intervención no pleno o compoñente “básico” da enerxía para o funcionamento de calquera sociedade e da súa economía, “e sobre todo en sociedades con tan alto grao de complexidade como as nosas”, motivo polo cal “as políticas enerxéticas son determinantes á hora de garantir a soberanía dos pobos”, recalcou.
Para Senra, “actualmente asistimos a un grande reto histórico” ao téremos alcanzado o pico de extraccións do petróleo e estarmos a piques de alcanzar o do gas natural, sen embargo, “a solución da Unión Europea a estes problemas é a creación dun mercado común liberalizado, sen barreiras legais nen físicas”, criticou, “para que as grandes empresas enerxéticas segan a facer o seu negocio, quedando en mans privadas, ca colaboración dos reguladores estatais, o control case exclusivo dalgo tan vital como é a enerxía”.
Lídia Senra abordou tamén o papel que están a desempeñar os estados membro neste eido, denunciando que no Estado español “estase a avanzar en regulacións que impiden unha produción distribuída e que os cidadáns e cidadás aumenten a súa capacidade de autoabastecemento enerxético”, acusándoo ademais de non estar a dar solución “ás situacións de pobreza enerxética”.
Ademais, proseguiu criticamente, “ao tempo que dende a Comisión estanse a facer propostas de liberalización de mercado”, ca inherente falta de control por parte de Estados e sociedade que este posicionamento implica, “as políticas de aforro enerxético, de descarbonización e de cambio a un modelo baseado en enerxías renovábeis seguen a ser demasiado tímidas ou simplemente ignoradas”.