Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra denuncia diante da CE a restrición de dereitos fundamentais que supón a “Lei Mordaza”

Bruxelas, 27 de Febreiro, 2015. Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), dirixiuse onte á Comisión Europea (CE) a través dunha pregunta parlamentaria para denunciar que as reformas lexislativas do Código Penal que está a avanzar o Estado español “restrinxen dereitos fundamentais”. Asemade, a través do rexistro desta pregunta, dende AGEe queremos tamén contrastar ca Comisión a posibilidade de vulneración de distintos tratados internacionais por parte do Goberno español.

Lídia Senra puxo en coñecemento da CE que esta mesma semana cinco relatores membros do maior órgano de expertos/as independentes da Organización de Nacións Unidas (ONU) para a investigación e seguimento do respecto aos Dereitos Humanos (DDHH), denominado Procedementos Especiais, pediron a retirada da proposta de lei do Proxecto de Reforma do Código Penal en materia de delitos de terrorismo, aprobada no Congreso o pasado 19 de febreiro a través do “procedemento de urxencia”.

Para a ONU, as reformas lexislativas do Código Penal no relativo á Lei Orgánica de Seguridade Cidadá -“Lei Mordaza”- emprendidas polo Goberno español, “ameazan con violar os dereitos e liberdades fundamentais dos individuos” e “socavan os dereitos de manifestación e expresión”.

Asemade, Senra quixo chamar tamén a atención da Comisión sobre o Informe 2014/2015 de Amnistía Internacional, resaltando que dita organización pola defensa dos DDHH “manifesta a súa preocupación polas dificultades para exercer a liberdade de reunión no Estado Español e polo emprego excesivo da forza por parte da policía dirixida dende o Ministerio de Interior”. Ademais, a eurodeputada de AGEe quixo tamén chamar a atención da institución comunitaria no feito de que esta reforma do Código penal “converte en ‘delito’ moitas das accións anteriormente consideradas ‘falta’, persegue a liberdade de expresión e establece novamente a cadea perpetua baixo o eufemismo de ‘pena de prisión permanente revisábel”.

Finalmente, Lídia Senra interpela á Comisión para coñecer a súa valoración ao respeito da posíbel vulneración por parte do Goberno do Estado español dos artigos 4, 6, 10, 11, 12, 48 e 49 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE; os artigos 5, 9, 11, 19, 20 e 28 da Declaración Universal de Dereitos Humanos e os artigos 15, 16, 17, 17.2, 20.1, 20.2., 20.5, 21.1, 21.2 e 48 da propia Constitución Española, preguntando directamente: “instará a Comisión a paralizar as citadas reformas?”.

Exit mobile version