Site icon Crónica3.com A Mariña

Mario Outeiro inaugurou no Museo Provincial a exposición “Orixes creativas”

IMG_7000Lugo, 19 de febreiro de 2015.- O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou esta tarde na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo na inauguración da mostra ‘Orixes creativas (artistas pensionados pola Deputación de Lugo 1889-1960)’, que poderá ser contemplada de xeito gratuíto na galería luguesa ata o vindeiro 12 de abril.

A exposición componse de obras de 28 autores que contaron con axudas da Deputación de Lugo. O primeiro foi Manuel López Salgado, no ano 1889, e o último Manuel García Vázquez, Buciños, no 1956. Manuel López Salgado foi o pioneiro en Lugo dunha política de promoción das artes que emprendeu a Deputación lucense seguindo a outras institucións do Estado español. Deste xeito, este pintor autodidacta gozou da primeira bolsa concedida polo organismo provincial para realizar estudos artísticos en Roma, “cidade á que acudían os artistas pensionados para completar a súa formación directamente das fontes clásicas”, explicou María Quiroga Figueroa, comisaria da exposición.

Pese a que a Deputación de Lugo non estaba en condicións de consignar unha partida dedicada a pensións de modo permanente nos seus orzamentos, en total foron 28 os artistas que gozaron desta bolsa durante o mencionado período de 70 anos. Todos eles viaxaron coa condición de remitirlle posteriormente á institución os traballos realizados durante os cursos, como xeito de compensación da bolsa.

Quiroga sinalou que “estas obras de artistas como Xesús Corredoira, Manuel Castro Gil, Benito Prieto Coussent, Maruja Mallo, Julia Minguillón e Antonio Insua Bermúdez constituirían o xerme da colección de arte da nosa entidade, que irá medrando coas achegas doutros vinte e tres artistas que serán pensionados ata o ano 1961”.

Bolsas para alumnado de Belas Artes
Outro paso na axuda a artistas deuse a finais do ano 1928, cando a Comisión Provincial acordou consignar nos seus orzamentos unha cantidade fixa para soster seis bolsas para alumnado de Belas Artes que tivese intención de seguir os seus estudos en establecementos oficiais ou ante profesorado de recoñecida capacidade artística. Tres serían para debuxo, pintura e gravado, unha para música, outra para canto e declamación e unha última para escultura. En agosto do 1929, sendo presidente da Deputación Manuel Baamonde, aparecían publicadas por primeira vez no Boletín da Provincia as bases dunhas bolsas artísticas dirixidas a estudantes naturais da provincia que carecesen de medios económicos, fixando a súa duración en tres anualidades. O organismo provincial foi realizando máis convocatorias e ampliando a contía das anualidades ata que quedaron temporalmente suspendidas durante os anos que durou a Guerra Civil. Retomaríanse posteriormente ata ano 1961, momento no que a Deputación de Lugo deixa de conceder axudas para a realización de estudos artísticos.

Esta é a listaxe dos artistas pensionados pola Deputación de Lugo durante esas sete décadas:

MANUEL LÓPEZ SALGADO (1889)
XESÚS RODRÍGUEZ CORREDOIRA (1903)
MANUEL CASTRO GIL (1914)
BENITO PRIETO COUSSENT (1922)
MARUJA MALLO (1926)
JULIA MINGUILLÓN IGLESIAS (1927)
APOLINAR AMIEIRO MARTÍN (1927)
ANTONIO INSUA BERMÚDEZ (1928)
JOSÉ CELA MÍGUEZ (1928)
SATURNO LOIS (1933)
GRACIANO FRAGA VEIGA (1933)
ALFREDO LÓPEZ VÁZQUEZ (1935)
ALFONSO LÓPEZ CANCIO (1941)
MANUEL LÓPEZ MONTESERÍN (1941)
JULIA ISABEL PERNAS BUJADOS (1941)
EDUARDO RODRÍGUEZ OSORIO (1942)
JOSÉ VICENTE IGLESIAS ESTÉBANEZ (1942)
MANUEL DEL RÍO CASTRO (1945)
JOSÉ MANUEL LÓPEZ GUNTÍN (1946)
MANUEL PÉREZ CORBAL (1948)
ANTONIO FERNÁNDEZ DORREGO (1948)
TINO PRADOS (1951)
BLÁS LOURÉS (1951)
TINO GRANDÍO (1951)
ÁNGEL GONZÁLEZ DORESTE (1951)
FRANCISCO GULLÓN CAMPOAMOR (1952)
MANUEL DE ARCE (1953)
ALEJO OTERO BESTEIRO (1954)
BUCIÑOS (MANUEL GARCÍA VÁZQUEZ) (1956)

Exit mobile version