Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo destaca que o gasoduto “é o froito da unión de esforzos” e que “acompañará á comarca no seu desenvolvemento”

inauguracion-gasoductoCervo, 9 de febreiro de 2015-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, participou este luns no acto de inauguración do gasoduto da Mariña que tivo lugar na estación de medida de San Cibrao, na estrada que conduce á factoría Alcoa. O rexedor interveu en representación dos sete concellos polos que discorre esta infraestrutura (Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro) destacando que o gasoduto “é un servizo con presente e con futuro, que acompañará a esta comarca no seu desenvolvemento económico”.

Uns municipios “que non só acollemos o gasoduto baixo os nosos territorios, senón que tamén somos beneficiarios deste recurso enerxético, que pode ser unha boa alternativa para o tecido comercial e para as familias”.

O primeiro edil explicou que neste proxecto estiveron implicadas a Xunta de Galicia, os concellos, a empresa Gas Natural, e a factoría Alcoa. Desta maneira, asegurou que “esta obra fíxose como se fan todas as grandes obras, coa unión de esforzos, que é a única forma de avanzar, crecer e progresar”. Así, quixo felicitar “ás administracións públicas e ás entidades privadas e, con elas, a todas as persoas que puxeron algo de si mesmas para que o gasoduto da Mariña sexa unha realidade”.

O alcalde fixo un símil do gasoduto con outros servizos “que non se vén a simple vista pero son moi necesarios e que melloran a calidade de vida das persoas, como é o caso das redes de saneamento e de abastecemento de auga. Canalizacións que discorren baixo terra pero que levan servizos imprescindibles”. “O mesmo ocorre con este gasoduto. Non nos fai falta velo para saber que vai traer, e xa está traendo, moitas melloras á nosa comarca”, engadiu.

Villares manifestou que “as propias cifras xa nos falan dunha obra grande: 65 quilómetros de rede, 7 concellos polos que discorre e un caudal de case 51.000 metros cúbicos por hora”, pero sen dúbida, para o rexedor “a súa magnitude e o seu alcance mídese nos beneficios colectivos que trae consigo, tanto para os veciños destes concellos, como para as empresas, industrias e comercios; para a factoría Alcoa en particular, para o noso medio natural, e para todos nós en xeral”.

Exit mobile version