Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz amosa a súa satisfacción polo anuncio da licitación das obras nas beirarrúas de Cangas de Foz

beirarrúas-cangasFoz, 27 de febreiro de 2015. A Xunta de Galicia sacará a licitación o vindeiro luns a segunda fase da construción de beirarrúas en Cangas de Foz cun orzamento de 240.000 euros. Anunciouno este venres nesta parroquia focense a delegada territorial do Goberno autonómico, Raquel Arias, acompañada polo alcalde, Javier Jorge Castiñeira.

O rexedor municipal amosouse contento “por recibir hoxe no noso concello á delegada da Xunta de Galicia, Raquel Arias, que ven de anunciar que o próximo luns sairá no Diario Oficial de Galicia a licitación das obras da segunda fase das beirarrúas de Cangas. Era un compromiso da Xunta que fixo o propio presidente Alberto Núñez Feijoo aquí, en Cangas, e agora a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, lévao a cabo.”

Javier Castiñeira explicou que a primeira fase da construción das beirarrúas “xa mellorou moitísimo a seguridade dunha estrada con moito tráfico e onde ten habido algún accidente. E agora esta segunda fase afecta a 500 metros máis polos dous lados da estrada. Esperamos que o proceso de licitación, adxudicación e contratación sexa o máis breve posible para que na primavera estean iniciadas as obras e durante o verán os veciños de Cangas e da zona poidan utilizar esas beirarrúas”.

O alcalde rematou comentando que Cangas “é a segunda poboación do concello de Foz, con cerca de 1.000 habitantes censados, polo que é unha zona importante de actuación”.

Exit mobile version