Site icon Crónica3.com A Mariña

O asturiano Adrián Fernández prepara os mellores cafés da península ibérica

Foz (Lugo), 11 de febreiro de 2015. O asturiano Adrián Fernández, actual Campión Barista de España e catro veces Campión Barista de Asturias da especialidade proclamouse vencedor do III Campionato Internacional de Baristas, impoñéndose a profesionais de toda España e de Portugal nun escenario ben coñecido, o IES de Foz, coñecido no sector cafeteiro como a Catedral do Barismo de España, polo nivel dos profesionais que alí se formaron e o prestixio das súas competicións.

O barista asturiano, que desenvolve o seu labor profesional no Pasión Espresso (c/ Joaquín Fernández Acebal, 2), de Xixón, e que se iniciou no mundo barista con Cafento, empresa cafeteira que o acompañou ó longo de toda a súa carreira como barista de competición, puxo fin á mesma completando un palmarés único en España. “Esta será a miña última actuación sobre un escenario de competición”, anunciaba Adrián Fernández a un público que completaba o aforo dispoñible na sala, e ao que dedicou a súa actuación: “Vou dedicar a miña actuación á xente de Foz, que sempre me acolleu tan ben”.

Laura Fuentevilla, de Cantabria e formada por Café Dromedario, e Dayana Belgoderi, de Viana do Castelo (Portugal), formada por Cafés Candeas, ocuparon o segundo e terceiro posto, respectivamente, dun podio de altísimo nivel, polo que competían tamén, entre outros, o cinco veces Campión Barista de Cantabria, Alexis Silva, e o catro veces Campión Barista da Comunidade Valenciana, Juan Manuel Sanz.

A vitoria de Adrián Fernández constitúe un novo fito para a Escola Cafento, que suma así un título ibérico ao nacional e aos trece autonómicos con que xa contaba. Adrián Fernández foi iniciado no mundo barista nesta Escola, unha iniciativa desenvolvida por Cafento para promover a cultura do café de calidade e potenciar a formación en café dos profesionais de hostalería e consumidores de café en toda España.

As claves das presentacións de Adrián Fernández
O barista asturiano usou como base de todos os seus preparados un café 100% arábica de Perú, doce, con acidez equilibrada, toques florais e cítricos e sabor a uva moscatel.

Houbo de preparar catro espressos, catro cappuccinos e catro cócteles a base de café, repetindo neste último caso a fórmula que tan ben lle funcionou o pasado outubro no Campionato Barista de España organizado polo Fórum do Café. E é que volveu sorprender ao xurado cuns flash, os míticos xeados nun tubo de plástico brando, que neste caso ían recheos de café e un granizado de melón, que presentou colgados dun enxeñoso artilugio ideado por el mesmo.

Mostrouse moi concentrado e relaxado durante toda a súa actuación ata que, unha vez parado o crono e dirixindo as súas palabras de despedida á audiencia, emocionouse ao desexar “volver algún día a este escenario, como xuíz ou como preparador de baristas que veñan competir, para non perder nunca o contacto con este escenario [o do IES de Foz]”.

Un escenario que, segundo o barista “a primeira vez que vin que me quedaba moi grande” (¡e ségueme quedando!) Pero recordo que, como aquí en Foz, o café non se vive en ningún outro sitio”.

Sobre os campionatos internacionais do IES de Foz
Ademais da terceira edición do Campionato Internacional de Baristas, á que concorreron profesionais do máis alto nivel procedentes de España e Portugal, desde o luns o IES de Foz acolleu outros dous certámenes xa consagrados no mundo barista: o VIII Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o III Campionato Internacional de Catas de Café de Escolas de Hostalería, aos que acudiron representantes de dezasete centros de hostalería de Asturias, Cantabria, Casela e León, Galicia e o país veciño, Portugal.

Estes certames e o elevado nivel das e os baristas formados no centro focense, entre os que se atopan algúns dos primeiros baristas de España, explican que no mundiño do café coñézase ó IES de Foz, e máis concretamente á súa Escola de Hostalería, como a Catedral do Barismo de España.

Sobre a Escola Cafento
Máis de 15.000 clientes, máis de 5.000 alumnos formados, máis de 1.000 horas de formación impartidas nas oito aulas que se estenden por toda España. Este é o principal aval da Escola Cafento, o proxecto de formación e desenvolvemento da cultura do café posto en marcha por Cafento.

Nas súas aulas, e a través da web www.escuelacafento.com, a Escola Cafento desenvolve un completo programa de formación e desenvolvemento da cultura do café. E non só iso: tamén desenvolve actividades de formación noutras categorías de produtos, como tés, infusións e chocolate.

Neste sentido, a Escola Cafento celebra periodicamente cursos, seminarios, catas guiadas, sesións de preparación para campionatos baristas e distintas actividades que combinan a formación e o desenvolvemento da cultura barista entre profesionais e empresarios da canle horeca.

Entre os seus formadores baristas conta con algúns dos máis experimentados de España na profesión, varios xuíces baristas homologados polo Fórum do Café e dous campións baristas autonómicos. Ademais, en Escola Cafento formáronse xa os vencedores de 11 campionatos baristas autonómicos e Adrián Fernández, Campión Barista de España 2014.

Exit mobile version