Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña chama á realización dunha acción simbólica polo estado da estrada da Costa

A Mariña, 13 de febreiro de 2015. O Bloque Nacionalista Galego vén de dar conta da iniciativa presentada pola deputada no Congreso, Rosana Pérez, na que se chama a atención sobre o estado de dúas das principais vías de comunicación da comarca: a N-634, dende Barreiros á Xesta, e a N-642, desde Barreiros a Cervo. A deputada do BNG pregunta pola execución da partida comprometida polo Ministerio, á vez que insta a utilizar partidas xenéricas para seguridade viaria na mellora do firme destas estradas, advertindo do perigo que supón a conducción polas mesmas.

O estado das estradas, que xa foi denunciado en días pasados pola formación frontista, é de “absoluto abandono por parte do Ministerio, que o único que fai son rebacheos que non son máis que parches e non solucionan o fondo do problema”, asegura a responsábel comarcal, Ana Ermida.

Desde o BNG reclaman “unha actuación integral, e a necesidade de arranxar a estrada tal e como necesita e non con parches que de aquí a poucos días van estar na mesma situación ca agora mesmo.”

“É vergoñento que unha comarca co dinamismo social e económico que ten A Mariña, aportando máis dun tercio ao PIB provincial, siga sendo un dos lugares máis illados e coas vías de comunicación en peor estado de Galiza e do Estado”, aseguran.

No caso da estrada da costa non só vertebra unha parte importantísima da comarca, dando acceso aos principais portos e empresas, senón que é a única vía das veciñas e veciños da Mariña para chegar, por exemplo, ao Hospital da Costa. E, desde logo, asegura Ana Ermida, “o firme dista moito do que debería ser o dunha vía de comunicación principal.”

Por estes motivos, e conscientes do respaldo social co que conta a súa demanda, o BNG convoca á cidadanía a participar dunha acción simbólica que desenvolverá mañá sábado, ás 15:30, no alto de Mañente; un dos puntos en peor situación do trazado. Con esta acción pretenden chamar a atención do estado da mesma e reclamar, tamén pola vía da presión social, un arranxo urxente e integral destas vías.

Exit mobile version