Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove organiza un acto público sobre a tarifa eléctrica

O BNG organiza un acto público en Xove sobre a tarifa eléctrica que terá lugar este sábado 28 de febreiro ás 20.00 horas na Aula de Formación do lateral do Concello.

Falarán Adrián Dios Vicente e Patricia Eijo Gómez. O primeiro é licenciado en Economía e mestre en desenvolvemento económico e innovación, ademais de membro da executiva nacional do BNG. A segunda é estudante de Ciencias Políticas e formará parte da lista electora do BNG de Xove para as eleccións municipais deste 2015.

“É escandalosamente evidente que hoxe en día as grandes empresas eléctricas xogan co que pagamos pola luz para incrementar os seus enormes beneficios. No entanto, ao mesmo tempo, resulta que existe no Estado español unha nación, Galiza, que produce o duplo de electricidade que precisa e que a exporta esencialmente cara a Madrid, mentres todo o Estado paga a mesma tarifa. Isto é, Galiza ten que asumir os custos ambientais e sociais da produción eléctrica (primeiro a base de encoros e despois a base de centrais térmicas) e, ao mesmo tempo, temos que subvencionarlle a tarifa a outros territorios do Estado español, que non teñen que facer fronte aos custos de transportarlles a electricidade, porque llelos pagamos nós.

Imaxinemos por un momento que a nosa electricidade é un 10% máis barata que noutras partes do Estado español; isto significaría que a nosa competitividade sería moi superior, con capacidade para mellorar a nosa base produtiva e incrementar a nosa industria, porque a electricidade é un custo fundamental para calquera empresa, especialmente se é industrial. O interese económico no Estado é evidente: Galiza ten que producir electricidade para que Madrid poida ter industria.

Por tanto, disto é precisamente do que se trata: de que contar con instrumentos propios para a toma de decisións pode permitir que a cidadanía galega mellore a súa calidade de vida, que a nosa economía funcione mellor e que teñamos máis posibilidades de futuro nun país que ten todas as potencialidades do mundo”.

(Extracto do artigo “Da soberanía e as cousas de comer” de Adrián Dios, publicado na páxina ideas.gal)

Exit mobile version