A Mariña, 4 de febreiro de 2015. Os datos do desemprego volven dispararse na comarca cun incremento en relación ao mes anterior do 5,08%. Das 794 persoas que pasaron a situación de desemprego provincia de Lugo, 261 son mariñás incluíndo os concellos de Riotorto e Muras, polo que o 32,87% do incremento do desemprego na provincia corresponde a persoas da Mariña. So o concello de Lourenzá con tres persoas desempregadas menos reduce a súa cifra de paro en relación a decembro, a comarca volve situarse en datos cifras de paro de maio de 2014 e acumula xa cinco meses consecutivos aumentando as súas taxas de paro. E isto tendo en conta a cantidade de persoas que seguen marchando cada día para buscar traballo no estranxeiro e que, en moitos casos, a efectos estatísticos computan como baixa nas demandantes de emprego.
O BNG demanda o desbloqueo e investimento en infraestruturas longamente demandadas na comarca como a apertura do di que norte de Morás ao tráfico comercial, a autovía de conexión entre Barreiros e San Cibrao ou o corredor entre San Cibrao e Ferrol que segue paralizado sen solucións na variante de Viveiro. Para os nacionalistas o investimento nestas infraestruturas suporía emprego inmediato e a medio e longo prazo. Da mesma maneira volven reclamar un plan de emprego para a comarca que segue perdendo poboación por mor da falta de oportunidades cara a emigración.
As cifras do desemprego na comarca acumulan xa cinco meses consecutivos de subida o que demostra que nin sequera baixou o paro na tempada do natal e unicamente se produciu unha lixeira baixada dos datos do paro entre os meses de maio a setembro froito da tempada estival.
Para a portavoz comarcal nacionalista, Ana Ermida Igrexas, “os datos reais desmenten os anuncios dos dirixentes do Partido Popular sobre a recuperación económica, seguimos perdendo poboación que marcha á emigración, seguimos aumentado o paro, seguimos perdendo empresas e o pouco emprego que se crea é precario e temporal”.
* O cómputo inclúe datos de Muras e Riotorto.