Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que “circular polas estradas da Mariña é un deporte de risco”

bng-estradas-mariñaA Mariña, 5 de febreiro de 2015. O BNG na Mariña rexistrará iniciativas no Congreso a través da Deputada nacionalista Rosana Pérez a fin de esixir unha actuación urxente para acometer obras de rehabilitación nas estradas de competencia estatal que comunican os concellos da comarca entre eles e co exterior. A formación nacionalista sinala que circular por estas vías é hoxe un deporte de risco cos vehículos intentando salvar as múltiples fochancas e as irregularidades no asfalto. Cualifican de corredoiras intransitábeis as vías N642 – especialmente desde A Espiñeira no concello de Barreiros, no seu paso por Foz, Burela e Cervo – e a N634 desde o concello de Barreiros pasando polos concellos de Lourenzá e Mondoñedo.

A portavoz comarcal nacionalista Ana Ermida afirmou que a reparación e rehabilitación do firme das estradas de competencia estatal N642 e N634 “é xa un clamor popular, érao fai uns meses e agora moito mais”. A nacionalista cualificou a condución por estas estradas de “deporte de risco que obriga a unha condución que pon en grave perigo á poboación obrigada a salvar as múltiples fochancas e irregularidades do firme”. A situación, segundo Ermida, sófrena todas as persoas que circulan polos concellos que atravesa a N642 desde Barreiros ao Castelo en Cervo ou pola N634 desde Barreiros a Abadín por Lourenzá e Mondoñedo.

Desde o BNG mariñao lembran que o Ministerio de Fomento unicamente ten consignada unha partida económica nor orzamentos 2015 para labores de mantemento e reparación de firme en 12 kms. da N642 ao seu paso polo concello de Foz pero aínda non iniciaron as obras. Os nacionalistas consideran insuficiente esta reparación xa que as necesidades de mellora nas vías de competencia estatal tendo en conta o seu estado, deberan ser globais afectando á maioría dos tramos.

Ana Ermida Igrexas anunciou que a formación nacionalista trasladará ao Congreso a través da deputada Rosana Pérez a situación de abandono destas estradas, reclamando ao Ministerio de Fomento actuacións inmediatas nestas dúas estradas.

Exit mobile version