Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá na Deputación o aumento de persoal de Correos nos municipios e a prescrición de fármacos de última xeración para a Hepatite C

O Grupo Provincial do BNG solicita do Pleno da Deputación a adopción dun acordo para demandar o incremento de persoal de Correos nos concellos da provincia de Lugo.

Concretamente, o texto da moción pide “instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado a adopción de medidas tendentes a restabelecer a prestación dun servizo postal de calidade en todos os concellos da provincia de Lugo e garantir o reparto na periodicidade adecuada”. Así mesmo, “demandar a cobertura de vacantes nos cadros de persoal de Correos para resolver os problemas que se producen diariamente no servizo postal en moitos concellos da provincia” e “trasladar o presente acordo ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do goberno do Estado e aos grupos parlamentares do Parlamento galego”.

E, por outra banda, os nacionalistas introducirán no Pleno un debate sobre a prescrición dos fármacos de última xeración a persoas doentes de Hepatite C.

Concretamente, pretenden “instar ao Goberno galego para este se dirixir ao Goberno de España e exixir que se garanta o acceso ás novas terapias para as persoas doentes de Hepatite C que o precisaren. Todo isto debe producirse de acordo co criterio de médicos/as especialistas, que deben dispor de todos os recursos que foren precisos para a atención dos casos definidos como de tratamento urxente pola Asociación Española para o Estudo do Fígado na súa recente reunión co Ministerio de Sanidade, Igualdade e Asuntos Sociais”.

Instar tamén “ao Goberno galego a tomar as medidas necesarias para que a terapia cos novos fármacos para a Hepatite C se dispense nas farmacias hospitalarias a aqueles doentes a que lle for prescrita por persoal médico especialista do Servizo Galego de Saúde, de xeito inmediato á súa prescrición. E trasladar estes acordos ao presidente da Xunta de Galiza, á titular da Consellaría de Sanidade e aos grupos parlamentares do Parlamento galego”.

Exit mobile version