Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela Pescados Rubén di adeus á Liga tras caer na pista do Universidade de Alacante (3-1)

A Universidade de Alacante sacou tallada dos resultados dos equipos que lle anteceden na táboa para meterse de cheo na loita pola Copa de España tras superar por 3 a 1 en terras levantinas ao Burela FS Pescados Rubén no regreso de Carlos Navarro ao banquiño local.

A primeira parte resultou de poder a poder entre alicantinas e burelesas, na que ambos equipos buscaban de inicio facerse coa manixa do partido e presionar a saída do balón rival. O primeiro tanto demoraríase ata os quince minutos de xogo, obra de Sara a pase de Rocío ao segundo pau culminando unha rápida transición ofensiva. Pouco máis tarde, sen dar tempo a que o Burela se refixera chegaba o segundo das locais obra de Andrea Lacrampe cun gran control na zona de pívot aproveitando un envío en longo de Jenny para bater a Jozi.

Xa na segunda parte, o Burela intentou subir a intensidade da súa presión, ante unha UA que realizaba continuas rotacións de banquiño. Co paso dos minutos o cansazo comezaba a facer mella nas visitantes que ademais se vían obrigadas a optar polo xogo de cinco, tralo tanto en propia mete de Peque de cabeza no seu intento de interceptar un pase en longo de Jenny. A seis minutos do final, Gaby xa co xogo de cinco conseguía recortar distancias. Baixo esta premisa táctica as lucenses conseguían facerse co control do xogo, pero faltoulles sorte na definición para poder remontar un marcador que quedaría inamovible.

Ficha técnica
Universidade de Alacante: Jenny; Txitxo, Andrea Lacrampe, Pao e Sara (quinteto inicial). Tamén xogaron, Andrea, Mónica, Amelia, Rocío, Andrea Castelló e Lara.

Burela: Jozi; Peque, Gaby Maite e Paula (quinteto inicial). Tamén xogaron, Cris, Claudia, Lara, Kiko, Shiori e Tainä.

Pavillón Universitario. Preto de 450 espectadores. Colegiados, Pascual López e Fernández Fuster do colexio valenciano. Amonestaron con cartulina amarela a lara, Rocío e Amelia na UA e a Peque no Burela.

Goles
1-0, min 15 Sara
2-0, min. 18 Andrea Lacrampe
3-0, min. 33 Peque (propia porta)
3-1, min. 34 Gaby

Crónica de Gustavo Voces (ACFSF)

Exit mobile version