Un total de 213 fotografías individuais de deportistas e técnicos, ademais dos 14 cadros, compoñen o coidado álbum do club mariñán, coas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, filial feminino e masculino, ademais de sénior feminino e masculino, cun prestixioso espazo reservado para os autógrafos dos equipos de Primeira División LNFS e RFEF.
A idea víñase forxando desde hai tempo e “decidimos lanzarnos cando atopamos un proxecto serio, cun deseño coidado e atractivo” explicou Manuel Blanco. “Para o club é un traballo bonito e ilusionante; esperamos que a iniciativa teña boa resposta non só entre os deportistas laranxas de todas as idades, senón tamén entre os familiares e afeccionados ao fútbol sala en xeral”.
Á hora de levar a cabo a produción do álbum, realizáronse as fotografías de todos os membros dos equipos e dos fondos de páxina, con impresión e deseño da empresa viguesa Sportcrom e a participación da fotógrafa mariñá Marián García Mesa.
Puntos de venda
Lanzaranse un total de 3.000 sobres, é dicir, 18.000 cromos, ao prezo de 1 euro/sobre. As imaxes máis prezadas das estrelas laranxas poñeranse á venda este sábado, 28 de febreiro, no bar do pavillón Vista Alegre (venda coincidindo cos partidos de Primeira División). Tamén poderán adquirirse na sede do club (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, baixo, Burela), a cafetería do IES Monte Castelo e a Espacio Lector Nobel (rúa Castelao, número 2, Burela).