Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro Comarcal de Mondoñedo acollerá o venres 20 unha reunión informativa sobre a PAC

arias-reunion-pacA delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou que a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou o pasado ano máis de 96,1 millóns de euros para a mellora do medio rural da provincia a través de axudas da Política Agraria Común (PAC) xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA).

A delegada participou nunha xuntanza informativa con gandeiros e agricultores da provincia que tivo lugar na sede da Xunta en Lugo, e na que responsables do FOGGA explicaron as principais novidades que presentan as liñas de subvención que se convocan para o presente exercicio.

Entre estas, cabe subliñar que se abrirá unha nova convocatoria para os produtores que queiran incorporarse ao programa de axudas agroambientais, que establece un compromiso por cinco anos durante os cales os beneficiarios deberán introducir métodos de produción máis respectuosos co ambiente e a conservación da paisaxe.

Arias detallou que as axudas da PAC distribuídas en Lugo supoñen o 54,3% do investimento total en Galicia, e están orientadas á modernización, ampliación e diversificación das explotacións agrícolas e gandeiras.
A delegada destacou que “este dato da idea do peso que ten o sector primario na nosa provincia e do apoio que está a recibir da Xunta de Galicia para que ocupe o papel que lle corresponde como motor de desenvolvemento da nosa economía”.

En concreto, apuntou, 83,7 millóns corresponden a axudas dos dereitos de pago único adquiridos polas explotacións, que benefician á práctica totalidade dos gandeiros lucenses, e outras liñas de subvención ligadas á produción.

O resto, 12,4 millóns de euros, responden a axudas que forman parte do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, e destínanse principalmente á modernización das explotacións agrícolas e gandeiras, aumento do valor engadido dos produtos agrícolas e forestais, inversión en infraestruturas agrarias e forestais, ou diversificación da economía nas zonas rurais e mellora da calidade de vida.

Igualmente, forman parte deste programa as subvencións para compensar aos agricultores e gandeiros que producen en zonas de montaña ou sometidas a desvantaxes naturais específicas, e a introdución de investimentos agrarios non produtivos en rede Natura e no ámbito dos parques naturais de Galicia. Tamén as medidas de forestación de terras non agrarias e de prevención contra incendios e recuperación do potencial forestal.

A Consellería do Medio rural e do Mar organizará en total trece sesións informativas. Ata a data celebráronse dúas en Lugo, unha na Fonsagrada e outra en Cervantes.

Nas vindeiras semanas as charlas serán convocadas polas oficinas agrarias comarcais da Xunta. Así, en Friol terá lugar no auditorio da localidade o día 19; en Mondoñedo no centro comarcal, o día 20; en Meira o 3 de marzo, en Sarria o día 5, e en Paradela o 10 de marzo. Os técnicos de Medio Rural informarán tamén a distintas cooperativas do sector que así o solicitaron.

Exit mobile version