Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello burelés continuará rendéndolle homenaxe a Rosalía de Castro a vindeira semana

Burela, 20 de febreiro de 2015. Burela continuará rendéndolle homenaxe a Rosalía de Castro a vindeira semana con diversas actividades nos centros de ensino, con lecturas de versos da autora galega e con bailes tradicionais.

As concelleiras de Muller e Igualdade e Cultura, Diana Durán e Mónica Pedre, explican que “continuando coa actuación iniciada polo Concello o pasado 30 de xaneiro coa actividade Que bela te deu Deus!, espectáculo de baladas galegas interpretadas pola soprano Esperanza Iglesias Méndez e polo pianista Aurelio Chao Fernández, o vindeiro luns, 23 de febreiro, seguiremos rendéndolle homenaxe a Rosalía de Castro e contaremos coa presencia de María Reimóndez, traductora e escritora galega, que cultiva tanto a narrativa e a poesía como o ensaio e o teatro. Ven a Burela a presentar un dos seus libros: Lía e as zapatillas de deporte, co que se acadan dous obxectivos: traballar a non discriminación entre a xente máis nova e como muller galega e escritora, renderlle homenaxe a Rosalía de Castro, promovendo, deste xeito, a fala galega entre as/os máis pequenas/os”.

María Reimóndez estará o luns ás 10:30 horas no CEIP Vista Alegre e ás 12.45 horas no Ceip Virxe do Carme participando “nunha actividade de sensibilización cos rapaces e rapazas de 6º de primaria dos dous colexios. Con eles falará do seu libro Lía e as zapatillas de deporte, co que xa traballaron os nenos e nenas de sexto de primaria nos últimos meses grazas á doazón de exemplares do mesmo a estes centros de ensino. María Reimóndez ilustraraos coas súas experiencias e ensinaralles a valorar o traballo en equipo, a fomentar as súas capacidades e a sensibilizarse con distintos entornos”. Esta actividade inclúese no programa de atención a inmigrantes do Concello burelés.

Por outras banda, desde as Concellerías de Igualdade e Cultura lembran que o Colectivo Buril levará a cabo unha maratón de lectura ao longo do martes, 24 de febreiro, no salón de plenos da Casa do Concello, “actividade na que as/os animamos a participar”.

As Concellerías de Cultura, Educación e Turismo, e de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade súmanse á celebración do Día da Rosalía o 27 de febreiro cos seguintes actos que terán lugar no Auditorio da Casa da Cultura:
– 19.00 horas. Presentación do libro Imos troulear de María Marta López Balseiro, pensado para divulgar a cultura galega, promovendo as nosas costumes e a nosa lingua.

– 19.15 horas. Lectura de versos de Rosalía de Castro, a cargo da asociación Chao de Castro Altair-Burela.

– 19.30 horas. Bailes tradicionais a cargo dos grupos infantís de baile das asociacións Arume e Ledicia.

– 20.00 horas. Merenda típica, chocolate e pasteis, á que estarán invitadas/os todas/os as/os asistentes. Terá lugar no Centro de Asociacións (antiga Praza de Abastos).

Exit mobile version