Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela convoca ós propietarios da urbanización de Torrentes

Burela, 28 de febreiro de 2015. O Concello burelés manterá o luns, 2 de marzo, a partires das 10.00 horas, no Salón de Plenos unha reunión cos propietarios incluídos na Unidade de Actuación de Torrentes, reunión que estará presidida polo alcalde, José María González Barcia, e na que tamén participarán funcionarios municipais e persoal da consultora que regularizou a situación de Torrentes no Catastro.

Segundo o alcalde, José María González Barcia, “esta reunión convócase por un motivo fundamental: están chegando as notificacións do Catastro de baixas das fincas orixinais, e chegarán, se non están chegando xa, as notificacións catastrais sobre altas dos solares de reemplazo. E ocorre que, en certos casos, desde o inicio da tramitación da unidade de actuación, en 2005, ten habido cambios de propietarios, ben por vendas, ben por transmisións de herdanzas, que non se recollen na documentación que está enviando o Catastro”.

O rexedor explica: “por iso convocamos esta reunión e pedímoslle ás persoas que estean nesa situación que traian toda a documentación que teñan no seu poder, porque a nosa intención é solucionarlles este pequeno problema, que vamos tentar lles cause as mínimas molestias posibles”.

Barcia indicou que “aproveitando a oportunidade, explicarémoslles aos propietarios en qué estado administrativo se atopa a Unidade de Actuación de Torrentes, por qué se venden os solares destinados a gastos de urbanización, cómo está a conta de liquidación provisional, etc”.

José María González Barcia lembrou que “todos os trámites relacionados co Rexistro e coa regularización catastral fixéronse neste últimos tres anos, cando alomenos os primeiros xa tiñan que estar feitos. A unidade de actuación leva un retraso de catro anos que non é imputable a este equipo de goberno”.

O alcalde burelés reiterou o chamamento aos propietarios que acudan á reunión e que aqueles que teñan problemas de titularidade dos seus solares aporten documentación.

Finalmente, o rexedor anunciou que “o Concello recuperará o servizo de asesoramento catastral que se viña prestando hasta hai uns meses. Este servizo prestarase os luns, en semanas alternas, en horario de mañá, no lugar habitual. Pedimos disculpas pola interrupción do mesmo nestes últimos meses, confiando que a recuperación do mesmo serva para solucionarlles aos veciños cuestións vinculadas co Catastro”.

Exit mobile version