Burela, 25 de febreiro de 2015. O Servizo de Atención a Inmigrantes do Concello, en colaboración co departamento de traballo social do Centro de Saúde de Burela, organiza un obradoiro de habilidades sociais dirixido a persoas inmigrantes, “como un paso máis para a integración deste colectivo”, segundo explica a concelleira Diana Durán.
O obradoiro está dirixido a homes e mulleres inmigrantes maiores de idade e impartirase do 2 ao 13 marzo de 10 a 12 horas na Casa do Concello.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade indica que “esta actividade está encadrada dentro dos obxectivos do plan municipal de integración de inmigrantes e nela trataranse aspectos como a comunicación, asertividade, resolución de conflitos, reforzo da autoestima, igualdade así como aspectos directamente relacionados co proceso migratorio como a carencia de vínculos, dificultades de adaptación e duelos migratorios”.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse na Casa do Concello ata este venres en horario de 8 a 15 horas. Para calquera dúbida poden poñerse en contacto, no mencionado horario, chamando ao teléfono 982 58 06 09, ou ben persoalmente.