Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo realizará reformas no Xulgado de Paz polo “abandono da Xunta e o Ministerio de Xustiza”

Ribadeo, 10 de febreiro de 2015. O Concello acometerá unha pequena reforma no xulgado de paz de Ribadeo “por unha cuestión de dignidade de cara aos seus traballadores”, segundo ven de anunciar o alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia. O rexedor denuncia ademais que a Xunta quere que sexa o propio Concello o que se faga cargo da factura da luz, algo que non ocorreu nos últimos 40 anos.

Suárez Barcia dixo que “a esta situación vergoñenta na que o goberno galego e o goberno do Estado teñen sometido ao xulgado de paz de Ribadeo, primeiramente por non atender as demandas que de maneira xusta levamos a nivel da Corporación, e por unanimidade, solicitando a recuperación do xulgado de primeira instancia para Ribadeo, agora xa non é so iso senón que o goberno autonómico quere que o Concello pague a factura da luz. Algo que nos últimos 40 anos nunca chegou a ser así”. O alcalde engade que “ademais desatende aos funcionarios de xustiza, que paga a propia administración autonómica. E ao final desde o Concello o que imos facer, para paliar esa situación bochornosa na que se atopan eses traballadores e ese servizo tan importante para Ribadeo, é cambiar mobiliario e o sistema de calefacción e ao mesmo tempo facer uns novos aseos, porque os existentes son absolutamente impresentables”.

O rexedor subliñou que “esta pequena actuación que imos facer desde o Concello, sen ningún tipo de axuda autonómica e estatal, facémola por unha cuestión de dignidade de cara aos traballadores de xustiza, que non son traballadores municipais, pero que están a prestar un servizo público que debera ser apoiado de verdade pola Xunta e polo Ministerio de Xustiza, tal e como fan noutros concellos de tanto porte coma Ribadeo. Ribadeo non quere ser máis que ninguén, pero tampouco os veciños de Ribadeo son menos que ninguén”.

Exit mobile version