Site icon Crónica3.com A Mariña

O Entroido de Burela arrincará co Día Infantil o domingo 15 de febreiro

Burela, 6 de febreiro de 2015. O salón de plenos acolleu a presentación do cartel e do programa do Entroido de Burela para este 2015. Alí se deron cita o alcalde, José Mª González Barcia, a concelleira de Cultura, Mónica Pedre, e representantes das asociacións que colaboran na organización do festexo.

As actividades arrincarán o domingo, 15 de febreiro, coa celebración do día do neno. Na carpa de Acia instalada na praza da Mariña haberá inchables, globoflexia e diferentes actividades para os máis pequenos ao logo de toda a tarde. Tamén desde as 16 horas na praza de abastos haberá diversos obradoiros de: carautas e antefaces, maquillaxe e atrezzo con material de refugallo. Os nenos e as nenas poderán gozar dun photocall, de baile infantil e de chocolatada con minicroissants.

O 16 de febreiro, luns, na carpa da Acia os máis pequenos poderán disfrutar dun toro mecánico e doutros xogos así como do baile de disfraces, con diferentes premios. E ás 23.30 horas dará comezo o baile de disfraces, que estará amenizado pola orquestra Charleston Big Band. Ésta é unha das novidades do Entroido de Burela deste ano.

O desfile será o martes, 17 de febreiro, a partir das cinco da tarde. Estará acompañado pola charanga de Burela O mellor da cada casa e percorrerá as principais rúas da vila desde O Ril ata a praza da Mariña. As inscricións poderán efectuarse de 15:30 a 16:30 horas no local de Ledicia. Haberá premios para as mellores carrozas, e aos mellores disfraces de grupos, parellas e individuais. Esa xornada servirase unha chocolotada con bollería na praza da Mariña e ás 20 horas actuación da orquestra Garibaldi na carpa de Acia Burela.

En total destínanse aos premios do Entroido en Burela 2000 euros en metálico e 400 euros en sete vales de compra xentileza da Acia local.

A concelleira de Cultura e o resto de membros da organización animan á xente “a disfrazarse e a saír á rúa a gozar dunha das mostras máis vivas da tradición popular galega, que son as festas do Entroido. Somos moitos os que traballamos en conxunto para que Burela disfrute desta cita”.

Exit mobile version