Site icon Crónica3.com A Mariña

O Gasoduto da Mariña: 65 Km de progreso

A inauguración polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os responsables das multinacionais Gas Natural e Alcoa, do gasoduto da Mariña lucense supón a culminación dun ambicioso proxecto, executado con axilidade e dirixido a proporcionar unha enerxía a prezos máis competitivos e medioambientalmente máis respectuosa, tanto para fogares como para empresas.

Ao longo dos seus 65 km de percorrido, nos que atravesa os termos municipais de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro, implica unha inxección de progreso para a nosa comarca, xunto a unha razón máis para multiplicar a capacidade de atracción de novos proxectos empresariais, riqueza e emprego.

Acertan aqueles que miden o alcance desta infraestrutura polos beneficios colectivos que trae aparellada, xa que logo permite debuxar unha Mariña lucense máis competitiva, máis preparada cara o futuro, cunha vantaxe para mellorar e con capacidade real e directa para reducir as nosas facturas.

Non podemos esquecer que preto de 55.000 fogares terán a opción de escoller, unha enerxía máis limpa e barata. O gas natural ten demostrado ser un combustible máis eficiente para quentar fogares, cociñar, para quentar a auga, mellorando a calidade de vida de millóns de usuarios.

Tampouco hai que esquecer o interese estratéxico dunha enerxía capaz de dar cobertura ás empresas da Mariña, como a factoría de Alcoa en San Ciprián, que grazas ao gasoduto completará o proceso de transformación das súas instalacións de fueloil a gas. Trinta millóns de euros en investimentos que afianzan esperanza e permiten ver con maior tranquilidade o futuro.

Non é menos importante o abano de oportunidades que se abre para comercios e empresas locais, das máis grandes ás máis pequenas, ou para industrias situadas nos nosos polígonos ou nos portos da Mariña, xa que permitirá ofrecer ás embarcacións pesqueiras un novo sistema enerxético de propulsión, o combustible licuado.

Disporemos de máis enerxía para impulsar os principais motores económicos da nosa comarca. Supón xerar futuro para que A Mariña lucense medre. Supón contribuír dun xeito eficaz a ese grande obxectivo que centra todos os nosos esforzos: afianzar a recuperación económica para que, por fin, poida chegar a todos.

Conseguimos un novo fito histórico e por iso, amosamos o noso total apoio a aqueles que, como o Presidente Feijóo ou o Goberno central, impulsores desta iniciativa, cren na Mariña lucense e o demostran con lealdade, transformando as súas palabras e os seus compromisos en feitos. Unha vez máis cumpren coa Mariña. Neste caso, como protagonistas activos dun esforzo compartido que achega 35 km de progreso para A Mariña lucense.

José Manuel Balseiro Orol

Secretario do Parlamento de Galicia.

Exit mobile version