Site icon Crónica3.com A Mariña

O GES de Cervo atendeu no 2014 case 800 incidencias das cales 114 foron retiradas de niños de avespa asiática

Cervo, 2 de febreiro de 2015- O Concello fixo este luns balance das actuacións levadas a cabo no 2014 polo Grupo de Emerxencias Supramunicipal con base en Cervo. O edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, achegou os datos deste servizo destacando que “leva a cabo unhas tarefas fundamentais para a sociedade, de prevención, seguridade e atención de emerxencias”.

En total, o GES atendeu 799 incidencias, a maior parte delas nos seis concellos da súa competencia, como son Cervo, Burela, Xove, Foz, Valadouro e Alfoz, aínda que tamén levou a cabo algunhas actuacións noutros municipios, especialmente nos casos de emerxencias de gravidade que precisan da colaboración de diversos corpos operativos.

En canto á tipoloxía das actuacións, o 19% foron por animais soltos nas vías (157 casos); en segundo lugar o 14% foi por retirada de niños de avespa asiática (114), seguido de retirada de árbores en vía pública que supuxo o 14% das incidencias (112) e da atención en accidentes de vehículos en estradas, o 12% (98). En canto ás épocas do ano, as emerxencias concentráronse nos meses de agosto (135), febreiro (116) e setembro (103), mentres os meses de menos emerxencias foron marzo, abril, maio e xuño.

O GES leva funcionando dende o verán do 2013 pero previamente o Concello traballou para conseguir que este corpo tivese a súa sede operativa en Cervo, defendendo a necesidade de contar con el. Neste sentido, Soto agradece á Xunta de Galicia que atendese os argumentos presentados polo Concello e, ao mesmo tempo, dálle as grazas polo seu investimento para o mantemento do GES, que cubre case o 60% dos gastos de funcionamento. Desta forma, a achega do Goberno galego é “imprescindible” para que o grupo siga adiante, xunto coa do Concello, que rolda o 30%.

Este grupo está composto por 12 efectivos cunha estrutura profesionalizada e de carácter permanente que está de garda as 24 horas ao día os 365 días do ano.

Exit mobile version