Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno burelés afirma que “en Torrentes faise o que hai que facer e non se vende patrimonio municipal”

Burela, 9 de febreiro de 2015. O equipo de goberno do Concello de Burela manifestou este luns, en relación coas afirmacións do PSOE sobre a Unidade de Actuación de Torrentes, que “en Torrentes, faise o que hai que facer, con asesoramento técnico, e non se está a vender patrimonio municipal. O que se está facendo é xusto o que marca a lei, é dicir, sacar a subasta os solares que no seu día se fixaron como destinados, única e exclusivamente, a sufragar os gastos derivados da urbanización da unidade de actuación, e que no seu día non se subastaron. Nese senso, a lei é moi clara, e di que o beneficio, sen especificar exactamente cal, debe volver sobre a totalidade dos propietarios incluídos na unidade de actuación. Nós entendemos que é moito mellor que a totalidade dos propietarios se distribúan o importe da súa subasta, se se chegan a subastar realmente, ca que se distribúan os solares como tal, a xeito de proindivisos, entre todos os propietarios, o que podería xerar un problema de dimensións considerables, e que tentamos evitar que se produza”.

Desde o goberno burelés admítese “dada a situación do mercado, a dificultade real que existe para que alguén adquira eses solares, que por certo xa non son fincas senón solares, xa que Torrentes, ao contar con todos os servizos, agora é solo urbano consolidado, e nel poderíase edificar con licenza directa”. Pero, engaden, “non hai outro xeito de poder facer a conta de liquidación provisional, e se o PSOE ten unha saída legal a isto, que o diga”.

En relación ás sentencias das que fala o PSOE, din desde o goberno municipal burelés, que “estes señores descoñecen o estado actual das cousas. Descontando que de ser polo Sr. Llano a unidade de actuación se ía literalmente ao garete, porque non fixo nada, algo por certo propio desta persoa, e cando tivo que facelo foi porque os técnicos o azuzaron, temos que dicir que se presentaron seis contenciosos, que para cento sesenta propiedades é un número moi baixo; deses seis contenciosos, catro decaeron durante a súa tramitación por diversos motivos, un resolveuse xa con sentencia firme mediante indemnización que por certo será fixada polo Concello, e queda por coñecer a sentencia firme do sexto contencioso. E xa podemos adiantar que de indemnizacións que nos van custar cartos a todos nada de iso, porque tales indemnizacións non serán cuantiosas como din os socialistas e en todo caso correrán a cargo da unidade de actuación”.

No que toca á postura adoptada polo PSOE sobre este caso, o goberno municipal burelés afirma que “a ignorancia é moi atrevida; e a ignorancia mesturada coa mala fe é desastrosa para quen a esgrime. Din que teñen unha quiniela de beneficiarios…. Parécenos moi ben, pero se acertan. Non sexa que lles pase como lles pasou co solar da nova escola infantil e o solar que o Concello sacou á venta en Torrentes, ese sí de propiedade municipal. Non acertaron nin unha. Se o teñen tan claro, retámolos a que metan os beneficiarios desta subasta nun sobre e o entreguen na notaría. E logo abrímolo públicamente, xa veremos qué caras poñemos uns e qué caras poñemos outros”.

Finalmente, “non estamos vendendo patrimonio municipal”, afirman desde o equipo de goberno; “os solares que se subastan son os destinados única e exclusivamente a gastos de urbanización que no seu día non foron subastados e que a lei di que hai que devolver ao conxuntos dos propietarios. E en todo caso, os solares propiedade do Concello teñen unha finalidade exclusiva marcada pola lei, o patrimonio municipal do solo e os fins que a lei lle dá, polo que, chegado o caso, se houbese que subastalos, tamén o faríamos, pero nunca para os fins que teñen en mente os socialistas, quenes, por certo, demostraron ben as claras qué fixeron na Unidade de Actuación de Torrentes: non foron quen de acabar as obras, non foron quen a facer nada no rexistro, non foron quen a facer nada no catastro… e que sobre Torrentes lles será mellor estar calados porque pode haber cousas que eles orixinaron e que sí nos poden crear un serio problema a todos os cidadáns do noso concello”.

Exit mobile version