Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo asegura que “as instalacións deportivas de calidade son fundamentais para promover o fútbol de base”

Cervo, 23 de febreiro de 2015- O Concello de Cervo fixo unha valoración dos actos de apertura do campo de fútbol municipal da Veiga que se celebraron onte, unha xornada “moi emotiva e que vivimos con moita satisfacción”, asegura o alcalde, Alfonso Villares xa que “a partir de agora os nosos clubs, os nosos xogadores, os nenos e rapaces do noso concello e o fútbol de base contan cun campo de alta calidade e resistencia, e que estará sempre en perfectas condicións”.

Ao mesmo tempo o rexedor destacou que no primeiro día de competición tras a remodelación “o campo encheuse de actividade e de vida”, referíndose aos dous encontros celebrados durante o día pero tamén á cantidade de nenos e nenas “que aproveitaron a xornada de portas abertas para xogar e probar as novas instalacións”.

Villares manifestou que o papel dos clubs é “fundamental á hora de manter a actividade deportiva dende as categorías inferiores” e agradeceu a súa labor. Pero ademais asegura que “nestes tempos tamén é fundamental que os nenos e mozos conten con instalacións de calidade, que permitan practicar deporte coa intensidade que requiren as categorías de base, e iso só é posible cun campo coma o da Veiga, preparado para soportar calquera situación meteorolóxica, e incluso horas e horas de xogo continuado ao día, mentres o campo se mantén en óptimas condicións”.

O alcalde lembrou que o novo campo municipal abre “novas posibilidades deportivas, e permite traballar nun obxectivo moi importante, como é que os nosos nenos e rapaces practiquen deporte no noso concello e, con iso, axudar a facer pobo”. De feito asegura que as obras de remodelación do campo “foron feitas pensando especialmente nos nosos nenos e na nosa xuventude”, engade o rexedor.

Unhas obras que foron promovidas e financiadas polo Concello de Cervo e que tiveron un custo de 380.000 euros, destinados a modernizar o terreo de xogo, tendo como resultado “o único campo de herba artificial de Galicia que utiliza materiais e sistemas de última xeración”.

Exit mobile version