Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP pedirá explicacións a Besteiro sobre o procedemento de contratación na escola de piragüismo

Lugo 22 de febreiro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular vén de rexistrar unha pregunta para a súa resposta no pleno da Deputación, que se celebrará o próximo martes, e a través da que pide ao presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, que dea explicacións aos lucenses sobre o procedemento de contratación dado na Escola de Piragüismo.

Os populares consideran que o máximo responsable da Deputación non se pode manter agochado ante situacións como a feita pública en torno á contratación de traballadores na Escola de Piragüísmo (xestionada por Suplusa, órgano dependente da administración lucense), nas que “o traballo se herda entre responsables nacionalistas, sen existir un proceso de contratación público”.

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular esixiranlle a Besteiro que aclare aos lucenses o proceso seguido xa que a imaxe xerada é a da utilización da institución como “axencia de colocación de persoas afíns ao PSOE ou ao BNG” e, no caso, “de non poder contratar estas persoas na propia Deputación, faise en organismos paralelos”.

Un proceso “cando menos sorprendente”
A Sociedade Urbanística Provincial de Lugo (Suplusa) é o ente responsable de xestionar a Escola de Piragüismo, e como tal, no 2010 saca a provisión dúas prazas de técnicos deportivos. No 2012 un destes técnicos renuncia, poñéndose en marcha un novo proceso de contratación, publicado no BOP de 13 de novembro de 2012.

A praza convocada como de técnico de deportes é recorrida polo Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física, alegando que os requisitos de titulación establecidos nas bases non se axustaban á praza convocada, segundo o establecido na Lei 3/2012 do Deporte de Galicia.

O citado recurso é admitido a trámite, pero as bases non se modifican para requirir a titulación axeitada, só se cambia a categoría da praza, que inicialmente era técnico en deportes e se converte finalmente en oficial de mantemento. No proceso sae seleccionado Rubén Arrojo Fernández, responsable ata decembro do ano pasado de Galiza Nova en Lugo e actual candidato á alcaldía en Lugo polo BNG, que previamente xa estivera contratado na Fundación Balogal.

Rubén Arrojo abandona o posto de traballo en xaneiro deste ano e, sen proceso de contratación, que xustifican en razóns de urxencia, é relevado no posto por Adrian Jato Quintas, actual responsable de Galiza Nova en Lugo.

Así, os populares aseguran que “cando menos é sorprendente tanto o procedemento seguido na convocatoria da praza do 2012, como a substitución nos cargos que se deu este ano”.

Exit mobile version