Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo popular demanda á UE accións máis contundentes e maior control fronte ós países foráneos que practican a pesca ilegal

Santiago, 6 de febreiro de 2015.- O Grupo Parlamentario Popular demanda á Unión Europea accións máis contundentes e un maior control fronte á actividade de países extracomunitarios que practican a pesca ilegal e que despois venden os seus produtos no noso mercado.

Nesa liña o voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, vén de anunciar o rexistro dunha iniciativa na Cámara galega -que será obxecto de debate no vindeiro pleno-, na procura de impulsar distintos mecanismos para unha maior protección dos intereses dos nosos mariñeiros, da nosa flota pesqueira, fronte á competencia desleal dos produtos obtidos sen respectar a normativa sobre pesca ilegal.

“Todos estamos de acordo en que a pesca ilegal, representa un problema para o futuro dos profesionais do mar.É un problema porque esgota as poboacións de peixe, porque destrúe os hábitats mariños, porque prexudica inxustamente aos pescadores legais e provoca importantes distorsións na competencia e nos mercados”- dixo Balseiro.

O voceiro popular explica que, para loitar contra esta lacra, os países membros da Unión Europea teñen asumido o compromiso de poñer todas as ferramentas ao seu alcance dirixidas a non permitir que os ilegais poidan obter beneficio das súas actividades. Por iso “como é lóxico, en tanto en canto existan outras flotas no mundo que non cumpren estas normas, que non contribúen a loitar contra a pesca ilegal, os populares galegos defenderán que debe bloquearse calquera tipo de acordo comercial con eles, algo que a día de hoxe non se está cumprindo en todos os casos”.

Desde o Grupo Popular van máis aló é indican tamén que existen outras salvagardas, xa previstas na lexislación comunitaria, como por exemplo a suspensión das importacións, en tanto en canto, non se cumpra a normativa. Neste senso demandan que se empregue este procedemento “con maior axilidade cando existan evidencias de pesca ilegal e se manteña no tempo, en tanto en canto non se corrixe a situación”.

“Os populares galegos non queremos, nin permitiremos que os países incumpridores poidan aproveitarse da vantaxe competitiva que adquiren con estas prácticas ilegais. Buscamos protexer ao mercado comunitario da competencia desleal que provocan importacións obxecto de sospeita, como as procedentes de Vietnam (peixe espada), Filipinas ou Tailandia (conservas de atún)”

Proposta de acordo
A iniciativa popular busca aprobar un mandato do Parlamento galego á Xunta de Galicia para que -de xeito literal- “Goberno central e UE adopten todas as medidas que estime necesarias, incluído acordar ou manter a suspensión das importacións dos produtos pesqueiros ou o bloqueo da negociación de novos acordos comerciais, en tanto en canto estes terceiros países non cumpran os requisitos sobre pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (pesca INDNR)”.

Exit mobile version