Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo popular salienta que nos últimos 6 anos Ribadeo recibiu un investimento de 65,8 millóns de euros da Xunta

rolda-pp-ribadeoRibadeo, 27 de febreiro de 2015.- Os deputados do Grupo Popular José Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra, acompañados do presidente e candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Jesús López Penabad, ofreceron este venres unha rolda de prensa na que salientaron que nos últimos seis anos Ribadeo recibiu un investimento de 65,8 millóns de euros da Xunta de Galicia.

Os populares aseguran que as cifras oficiais “desmenten o permanente vitimismo do alcalde”, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, en contra da Xunta e sitúan ao Goberno galego “como a administración que maior esforzo inversor realiza nesta localidade”.

EN BENEFICIO DOS VECIÑOS
Balseiro e Martínez-Sierra fixeron un repaso polos distintos investimentos achegados desde que Alberto Núñez Feijóo preside a Xunta de Galicia e indicaron que as actuacións descritas supoñen “unha media de case 11 millóns de euros cada ano, en obras e servizos en beneficio dos veciños de Ribadeo”.

Afondando nos datos ofrecidos desde o Grupo Popular explicaron que o investimento con destino concreto a Ribadeo superou os 36,2 millóns de euros, aos que habería que engadir 29,6 millóns máis correspondentes a partidas xenéricas achegadas á comarca da Mariña oriental, onde Ribadeo representa case o 60 por cento do seu total de poboación.

PRINCIPAIS ACTUACIÓNS
Os deputados populares aseguraron que “o Goberno galego non se move en función da cor política do alcalde de turno, senón que fai fronte ás necesidades reais dos veciños”. Nesa liña, destacaron importantes investimentos, como os realizados en materia portuaria ou de saneamento.

Tan só na mellora das instalacións portuarias e no impulso das actuacións en defensa da continuidade da actividade e do emprego do porto de Mirasol e doutras instalacións portuarias deste concello, a Xunta ten investido máis de 7.31 millóns de euros. Entres as que destacaron:

-Ensanchamento peirao e canle de navegación 4.249.068 €
-Naves do porto 549.000 €
-Aumento cota de coroación do peirao comercial 826.709 €
-Edificio de Servizos Portuarios 461.123 €
-Acondicionamento do borde portuario 1.193.378 €
-Obras no Club Náutico de Ribadeo 39.766 €

Outros dos investimentos máis salientables teñen que ver coa posta en marcha, construción e mantemento da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) e emisario (construción e xestión), para os que se achegou un importe de 19,40 millóns de euros.

EMPREGO
“A Xunta de Galicia foi a única administración comprometida na loita contra o desemprego en Ribadeo”, ata o punto de que, salientan desde o Grupo Popular, “a Deputación deixou fóra a este concello do plan de emprego provincial”.

Nesta liña salientaron investimentos autonómicos como os 216.000 euros para a posta en marcha da nova oficina de emprego (2.500 usuarios), o impulso de 21 cursos formativos con 315 beneficiarios, aos que adicou 851.000 euros, e a contratación de 128 persoas a través do Plan de cooperación.

SERVIZOS SOCIAIS, EDUCACIÓN E SANIDADE PÚBLICA
En materia de servizos sociais e sandade pública, desde o Grupo Popular salientaron tamén os 350.249 euros que se achegaron nestes seis últimos anos para o Plan concertado (o plan de financiamento dos servizos sociais) e os 682.218 euros para o servizo da axuda no fogar dirixido á atención de persoas en situación de dependencia, “mentres a Deputación, gobernada por PSOE e BNG non achega a súa parte”.

Por último, salientaron os 37.471 euros en obras no centro de saúde e os 15.070 euros para a dixitalización do servizo de radioloxía, ademais dos preto de dous millóns de euros investidos na ampliación e mellora do instituto Dionisio Gamallo Fierros.

Exit mobile version