Site icon Crónica3.com A Mariña

O incumprimento da Xunta sobre a Lei dos montes de man común, a debate este xoves en Viveiro

VIVEIRO, 10 DE FEBREIRO DE 2015.- O Partido Socialista, en colaboración con Unións Agrarias Galicia, informará este xoves aos veciños da Mariña, así como aos propietarios de montes comunais, das consecuencias que está a provocar o incumprimento da Xunta de Galicia da Lei 13/89 que rexe tanto a propiedade como o estado legal destes espazos forestais, e que, entre outras cuestións, provoca que estes teñan que asumir o custe dos deslindes, a pesares de ser unha competencia propia da administración autonómica, tal e como establece o artigo 11.4 de dita normativa. Será a través da xuntanza veciñal aberta, organizada pola secretaría de Medio Rural, que dirixe Horacio Rouco, e que se desenvolverá no Salón de Plenos do concello de Viveiro, a partires das 21.00 horas.

Para elo, a executiva provincial contará co secretario de Desenvolvemento Rural e Producións Forestais de UUAA Galicia –Jacobo Feijoo Lamas, quen conta cunha ampla e dilatada experiencia no tema que centra o encontro, debido á súa formación profesional. Asimesmo, na xuntanza, que se enmarca dentro do compromiso asumido polos socialistas en outubro de informar e dar resposta ás múltiples dúbidas sobre este asunto aos titulares afectados, tamén participarán o secretario Provincial –Juan Carlos González Santín- e a alcaldesa deste municipio –María Loureiro-.

Importantes custos e sancións
Con esta iniciativa, os promotores do encontro respostan á petición da rexedora viveirense e a das numerosas persoas que persoalmente están interesadas en que se aborde este tema na comarca. E é que con este incumprimento, a administración autonómica carga nos titulares un investimento que lle correspondería facer a ela e que, como mínimo, ascende na provincia de Lugo a 8,7 millóns de euros, pois o o territorio forestal lucense abarca unhas 87.000 hectáreas e o custe do deslinde estímase en 100 euros por cada unha destas unidades.

Así mesmo, trae como consecuencia que, innumerables fincas que sempre se consideraron privadas, estean dentro dos perímetros dos montes veciñais en man común, véndose os seus propietarios absolutamente impotentes para demostrar a titularidade das mesmas, e atopándose, por exemplo, con que se queren facer algún tipo de aproveitamento como pastos ou forestal poden invadir o monte comunal, debido a que descoñecen a delimitación de onde remata a súa finca privada e de onde comeza a zona de man común, que é propiedade de todos os comuneiros que a integran. Somentes este cuestión pode supoñerlles aos propietarios enfrontarse a causas xudicias con elevados custos, que poden superar os 3.000 euros, e incluso a non poder escriturar ou vender estes bens que sempre foron da súa propiedade.

Superficie
En Galicia, segundo datos da Consellería de Medio Rural, existen unhas 2.800 comunidades de montes, que xestionan unha superficie que ronda as 700.000 hectáreas, e que se se están vendo afectadas por esta “neglixencia da Xunta”. No caso da provincia de Lugo, esta ten máis do 32% -904 comunidades-, e as unidades de produción distribúense do seguinte xeito: 71.000 hectáreas son propiedade dunhas 450 comunidades en convenio e, preto de 16.000 Ha de 190, en consorcio.

Exit mobile version