Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego aproba por unanimidade a iniciativa popular instando á UE a anular os beneficios arancelarios para as conservas procedentes de Filipinas

Santiago, 04 de febreiro de 2015.- O Parlamento de Galicia aprobou, co apoio de todas as forzas políticas, a iniciativa do Grupo Popular instando ao Goberno galego a dirixirse á Comisión Europea para que anule os beneficios arancelarios para a conserva de atún procedente de Filipinas.

O acordo final, froito dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, demanda que se teñan en consideración a defensa dos intereses do sector pesqueiro e conserveiro galego e europeo e, moi en particular, os reiterados incumprimentos polo país insular asiático dos requisitos para a previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

Os populares viñan defendendo que o acceso das illas Filipinas ao sistema de preferencias xeneralizadas (SPX) permite a entrada no mercado europeo de, segundo algunhas previsións, ata 70.000 toneladas de posibles produtos exportados deste país asiático, máis de 6.000 deles sen aranceis, entre os que se atoparían as latas de atún.

Considerando que Filipinas non cumpre os requisitos ratificados en convenios internacionais sobre dereitos humanos, laborais, medio ambiente e gobernanza, e que tamén acumula sancións por pesca ilegal, non declarada e non regulamentada -ata o punto de que a propia Comisión europea sacou tarxeta amarela por estas razóns-, non é fácil comprender que agora se lle premie para achegar os seus produtos ao mercado comunitario, provocando unha distorsión da oferta e incorrendo nunha evidente situación de competencia desleal, en especial para as conservas galegas.

Os populares lembran, finalmente, que no sector conserveiro español traballan máis de 15.000 persoas, dos que o 75% deses empregos directos están en Galicia. Ademais enlatan un volume que alcanza as 342.525 toneladas, por valor de 1.528 millóns de euros e que incluso foi quen de incrementar as súas vendas e exportacións nos últimos anos. O acordo busca evitar que a importancia industrial e social deste sector poida verse agora ameazada pola supresión de aranceis a Filipinas, “un levantamento de barreiras que non necesita un sector conserveiro galego” –conclúe Balseiro.

Exit mobile version