Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego aproba sen votos en contra a iniciativa do grupo popular en defensa da flota galega fronte ós países que practican a pesca ilegal

Santiago, 11 de febreiro de 2015.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou este mércores, sen ningún voto en contra, a iniciativa impulsada polo Grupo Parlamentario Popular en defensa dos produtos pesqueiros comercializados pola flota galega fronte a aqueles procedentes de países extracomunitarios que practican a pesca ilegal.

Máis en concreto, a Cámara galega acorda demandar á Unión Europea que adopte “todas as medidas que estime necesarias, incluído acordar ou manter a suspensión das importacións dos produtos pesqueiros ou o bloqueo da negociación de novos acordos comerciais”, en tanto en canto estes terceiros países non cumpran os requisitos sobre pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (pesca INDNR).

A IMPORTANCIA DO ACORDO
O acordo final incorpora tamén, como engadido, as emendas formuladas por PSOE e AGE referidas a establecer condicionantes sociais, laborais e hixiénico-sanitarios cando se trate de asinar novos acordos comerciais, aínda que os populares lembran que estas esixencias xa se incorporan nos tratados comerciais a través das cláusulas de igualdade de condicións (en inglés level playing field).

O portavoz do Mar, Jose Manuel Balseiro, puxo en valor o consenso acadado con PSOE, AGE e Grupo Mixto, coa abstención do BNG, para reclamar “unha maior protección dos intereses dos nosos mariñeiros e dos nosos tripulantes, un amparo máis efectivo da nosa flota pesqueira”. Ademais, lembrou que a pesca ilegal “representa un problema para o futuro dos profesionais do mar, porque esgota as poboacións de peixe, porque destrúe os hábitats mariños, porque prexudica de xeito inxusto aos pescadores legais e provoca importantes distorsións na competencia e nos mercados”.

NON HAI MEDO A COMPETENCIA EN IGUALDADE
Balseiro volveu a lembrar que o PP “non ten medo á libre competencia”, pois Galicia, potencia mundial no sector da pesca, ten produtos de calidade capaces de competir con calquera país do mundo, pero claro está, sempre e cando esa competencia se realice en pé de igualdade e con idénticas regras de xogo para todos.

Tamén amosou a súa esperanza de que a unanimidade acadada hoxe poida trasladarse ás institucións comunitarias, onde algúns grupos políticos “non están a dar a talla”. Nesa liña, lembrou a complicidade dos representantes de AGE cos grupos ecoloxistas, “moitas veces contrarios aos intereses dos profesionais da pesca” ou a abstención “do representante do BNG en Europa”, o eurodeputado de Bildu, na votación decisiva para intentar frear o acordo comercial con Filipinas negativo para a nosa conserva ou a posición contraria ás demandas do sector de eurodeputados socialistas como López Aguilar, “cando se trataron iniciativas sobre o aleteo, ou corte das aletas de tiburóns abordo dos buques”.

Exit mobile version