Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno da Corporación Municipal de Foz aproba a modificación de crédito de 221.000 euros para o fomento do emprego e obras

Foz, 27 de febreiro de 2015. O pleno da corporación municipal de Foz aprobou este xoves a modificación de crédito por valor de 221.000 euros para dedicar ao fomento do emprego e a execución de obras. Este asunto contou cos votos favorables dos concelleiros do goberno local popular, dos non adscritos (ex edís do PSOE) e do BNG, mentres que Jaime Cancio e Unifoz votaron en contra.

O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, amosouse contento porque “saíu adiante a modificación de crédito de 221.000 euros, proposta por esta Alcaldía, basicamente para fomento do emprego, ao que se destinan 200.000 euros (140.000 para contratación directa e 60.000 para axudas a empresas que contraten empregados) e outros 20.000 para obras solicitadas polos concelleiros do grupo de non adscritos e do BNG, que foron os que colaboraron nesta modificación de crédito. Non nos chama a atención os votos en contra de Unifoz e de Xaime Cancio, que seguen sendo exactamente o mesmo, por moito que lles moleste. Estes señores dedícanse a votar en contra de todo o que propón este goberno, incluso cando ven consensuado e cando hai propostas que eles fixeron que se atenden nese plan de emprego. Xaime Cancio, que pedía no seu momento plans de emprego, agora que se fai un serio vota en contra. De Unifoz xa non nos sorprende nada porque fan o que lles manda Cancio”.

Convenio con Sogama
Pero, por outra parte, o rexedor municipal está “contrariado, porque nun dos puntos da orde do día, a renovación do convenio con Sogama, que non pensábamos que fora ter demasiado debate porque era para seguir co contrato que temos con Sogama, como teñen a maior parte dos concellos e nas mesmas condicións, chamounos a atención o voto en contra de toda a oposición. Sorpréndenos sobre todo o voto en contra do grupo de concelleiros non adscritos, que parte deles estiveron no goberno anterior, e de Xaime Cancio, que tamén estivo no goberno anterior e foron os que fixeron o primeiro convenio con Sogama. As condicións son exactamente as mesmas, pero agora, como están na oposición, votan en contra”.

Javier Castiñeira rematou comentando que “este é o día a día da corporación de Foz, coas idas e vindas da oposición e os diferentes cambios de criterio que teñen de cando eran goberno a cando son oposición. Son posturas verdadeiramente incomprensibles, que a xente saberá valorar”.

Exit mobile version