Site icon Crónica3.com A Mariña

O pregón, unha macrobatukada e un concurso de coplas dan inicio este venres ó Entroido de Foz

carpa-fozFoz, 13 de febreiro de 2015. Foz inicia este venres os actos principais do seu XXXIV Entroido coa celebración dunha macrobatukada a partir das 19.00 horas polas rúas da vila. Nela participarán os alumnos da Escola de Batukada municipal e os da Batukada de Cariño. O acto servirá para animar aos veciños a acudir á lectura do Pregón que terá lugar as 20.00 horas na Sala Bahía e correrá a cargo do grupo local Pernas do Centiño. Posteriormente, ás 20.30 e neste mesmo local, celebrarase un concurso de coplas con entrega de premios en diferentes categorías. Os actos complétanse coa celebración, este sábado, do gran desfile de Entroido que partirá ás 17.00 horas da explanada portuaria e será emitido a través da TVG. Xa o domingo terá lugar o Día Infantil coa celebración dun baile para os máis pequenos, a partir das 17.00 horas, na Sala Bahía.

O concelleiro de Cultura de Foz, Ánxel Paleo, explicou que “no Concello de Foz xa estamos metidos nos principais días do noso Entroido e hoxe venres, a partir das 18.00 horas, no Campo da Cabana, haberá un ensaio da Escola de Batukada do Concello. Toda aquela persoa que estea interesada en participar terá que levar só un instrumento de percusión e formará parte dunha macrobatukada que se vai a facer polas rúas de Foz a partir das 19.00 horas coa Escola de Música de Batukada de Foz e a Batukada de Cariño. Despois, ás 18.00 horas na Sala Bahía, dará comezo o pregón, que este ano, na XXXIV edición do Entroido, terá coma protagonistas a Pernas do Centiño, un grupo local que leva 32 anos xa gozando do noso Entroido e que xa merecía facer un pregón un ano. A continuación, sobre as 20.30 horas, será o turno das coplas onde se repartirán diferentes premios entre as distintas categorías”.

Ánxel Paleo engadiu que mañá, sábado, “é o día grande do Entroido de Foz, co desfile que dará comezo ás 5 da tarde coa saída da explanada do porto. Ata esa hora estará montado na praza Conde de Fontao un escenario da TVG no que farán entrevistas aos diferentes grupos participantes no desfile e no que dará un pequeno concerto Lucía Pérez”.

Paleo recordou que “toda aquela xente que queira participar no desfile terá a posibilidade de anotarse de 12 da mañá a 4 da tarde na explanada portuaria, antes da saída do mesmo. Unha vez rematado o desfile haberá unha chocolatada no Campo da Cabana para tódolos participantes. E para rematar o día na Sala Bahía teremos o baile de Entroido coas orquestras Marbella e Jerusalén. A partir da 1 da noite farase a entrega dos premios do desfile. Con respecto ao Bahía, este ano hai unhas novidades: fixéronse unhas obras de mellora e montouse unha carpa que ten uns 400 metros cadrados para aumentar o aforo. Ademais, por motivos de seguridade queremos dicirlle a toda aquela xente que vaia a asistir ao baile que o faga por unha entrada habilitada na zona do aparcamento, que está na parte de abaixo da sala, para deixar libres as entradas que hai dentro da Sala Bahía para saídas de emerxencia, xa que estes anos anteriores coincidía a entrada e a saída e amontoábase moita xente. Agora por motivos de seguridade decidiuse cambiar a entrada á sala. Tamén teremos montados uns baños a maiores dos que xa había, debido ao gran número de xente que acude a este baile. Esta é novidade máis importante deste ano, que se fixo para a maior comodidade de todos”.

O concelleiro de Cultura focense rematou explicando que “xa o domingo a partir das 5 da tarde teremos na Sala Bahía o tradicional baile infantil, no que se fará entrega dos premios aos máis pequenos e no que estará DJ Tapi Decibelios. Ademais na carpa haberá un inchable para os nenos gratis.

Posteriormente, ás 21.00 horas na Casa da Cultura, gozaremos do Touporroutou que organiza a asociación Pomba do Arco. O luns será o gran baile do Farolillo na Sala Bahía, a partir das 23.00 horas, coa disco móbil Fénix e DJ Eventec. E o martes haberá outra vez baile infantil a partir das 5 da tarde na Sala Bahía, esta vez organizado pola Asociación de Amas de Casa Virxe do Carme de Foz e amenizado polo dúo Diamantes. E para rematar o Entroido de Foz 2015, o venres 20 teremos a Queima do Entroido con saída dende o Campo da Cabana cara ao porto, onde se queimará o Entroido e farase unha pequena queimada. Só dicirlle á xente que se achegue a Foz e que goce deste Entroido, no que cada ano tanto os grupos como as comparsas e as carrozas participantes están a mellorar para lograr que a xente que nos vén a ver disfrute”.

Exit mobile version