Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Burela asegura que “Barcia mentiu cando dixo que rematara a unidade de actuación de Torrentes”

A Comisión Executiva do PSdeG-PSOE de Burela fai pública a seguinte nota de prensa en relación coa venda por parte do Concello de 12 solares na unidade de actuación de Torrentes.

Dende o Concello o Sr. Barcia recoñece que, a pesar de que nos dixo que rematara a unidade de actuación de Torrentes, se confirma, e el mesmo recoñece que non é verdade que quedan polo menos dous anos para solucionar todos os trámites administrativos pendentes. Que quedan por resolver bastantes, non unha, reclamacións xudiciais que nos van custar cartos a todos os burelaos e que hai cantidades pendentes de pagar, que polo tanto non está rematada a actuación como nos vendeu Barcia. A inauguración foi un acto teatral no que o Sr. Barcia foi o principal actor, mentindo e enganando ós veciños e veciñas de Burela.

En segundo lugar o Sr. Barcia vai regalar, ou malvender, patrimonio dos veciños e veciñas de Burela; e que o Concello adquiriu coa realización da unidade coa finalidade de poder facer fronte a gasto corrente no Concello. Ademais, os posibles compradores non terán plena garantía xurídica dos mesmos en canto haxa recursos xudiciais en marcha, có que os posibles compradores non teñen as garantías precisas que debería de ter esa inversión. Por certo, xa veremos quen son os inversores. No PSdeG-PSOE xa temos unha quiniela de apostas, e seguro que non nos equivocamos moito.

Para poder facer fronte á moi mala xestión económica do Concello ao longo destes últimos catro anos, e poder aprobar os orzamentos para 2015, e facer con eles a campaña electoral o Sr. Barcia ten que, como dicimos, malvender o patrimonio municipal que é de todos os veciños e veciñas de Burela. Todo elo para tentar perpetuarse no poder, aínda que nós sabemos e el tamén que todas estas artimañas non lle van ser suficientes para gañar as eleccións.

O Sr. Barcia engana unha vez máis ós veciños e veciñas, e feitos coma estes demostran que este “desgoberno” non merece estar no goberno municipal nin por un minuto máis.

Comisión Executiva PSdeG-PSOE Burela

Exit mobile version