Site icon Crónica3.com A Mariña

Obras non son amores. Viva o Antroido!

Prepárense donas e cabaleiros, póñanse cómodos, nos vindeiros tres meses van disfrutar do arte da construcción en todo o seu esplendor, un espectáculo para todos os públicos, sen distinción, que seguiremos con gran admiración.

Amárrense ben ás súas butacas, abran os ollos ben abertos para non perder detalle, compren material de seguridade, botas, chalecos, cascos, tapóns para os oídos e roupa. Circulen con coídado, poden ser atropelados por camións, retroexcavadoras, palas mixtas, ou homes con sinais manuais. Teñan moito coidado de tropezar con casetas e valados, e por favor, respeten as sinais de seguridade.

Prepárense para anuncios con gran emoción e moitos plans dos partidos de gobernación. O mesmo ten vermellos que azuis, rosas que gaivotas, altos ou baixos, xunta ou estado. De fora virán, e a cidade amañarán. De fora virán, que os dentes longos nos porán.

Quizais non se decataron, pero xa comezaron, viñeron os vermellos polo nadal cheos de ilusión e con algo de carbón, un plan de tráfico a douscentos mil, miren que era barato, incluso xa puido estar feito con antelación!!

Entre o nadal e o antroido, os azuis con sendeiros costeiros a prezo dun millón, un kilómetro, un millón. Esqueceron, que ao paseo de Covas, faille falla unha reparación, pero eles preferiron promover unha prolongación.

Na antroidada, volven os vermellos con medio millón, si que ten que haber diñeiro nese caixón. Á Avenida de Cervantes faille falla esta reparación, e coa rúa en obras nas eleccións, as veciñas depositarán o voto con gran emoción.

Así é donas e cabaleiros, o gran espectáculo comezou, foron catro anos de gobernación, para en tres meses engañarnos cunha miserenta ilusión. Catro anos de paralización, para en tres meses vendernos unha mala xestión. Sentímolo moito, pero a nós non nos cola, señoras e señores do sillón. Cada vez somos máis, os que traballamos con ilusión, porque cremos que é posible outra xestión.

Azuis e vermellos, rosas e gaivotas, comezan con enormes temores, porque se están decatando, que cun pobo esperto, as obras xa non son amores.
Viva o antroido de Viveiro!

Bernardo Fraga. Portavoz Municipal do BNG de Viveiro.

Exit mobile version